Volver ao contido

Notas de prensa

A Xunta lamenta que Javier Losada pida endebedar aos galegos para xustificar que o goberno central se quede con 200 millóns do financiamento de Galicia

A Xunta lamenta que Javier Losada pida endebedar aos galegos para xustificar que o goberno central se quede con 200 millóns do financiamento de Galicia

  • O Goberno galego denuncia que o delegado do Goberno tenta comparar débeda con ingresos lexítimos da comunidade
  • A Xunta lembra que máis débeda suporía que os galegos tivesen que devolver máis cartos
  • Ademais, o suposto aumento de déficit formulado polo Goberno central foi rexeitado no Congreso
  • O presidente da Xunta pediralle o xoves á ministra de Hacienda unha solución para que Galicia reciba os ingresos que lle corresponden

Santiago de Compostela, 7 de agosto de 2018.- A Xunta lamenta a irresponsabilidade do delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, por pedir que a comunidade autónoma se endebede en 133 millóns de euros máis, solicitude coa que quere xustificar que o Goberno central se quede con 200 millóns de euros de ingresos procedentes do sistema de financiamento autonómico que tería que recibir Galicia para 2019.

O Executivo autonómico denuncia que o delegado do Goberno tenta comparar interesadamente débeda con ingresos lexítimos da comunidade e reitera que máis déficit implicaría máis débeda e, por tanto, os cartos a maiores que se pediran prestados, teríanos que devolver os galegos.

Tamén denuncia que o delegado do Goberno quere confundir porque os recursos de endebedamento non poden ser empregados para gastos correntes de sanidade e educación.
Ademais, o suposto aumento de déficit proposto por Javier Losada, formulado polo Goberno central, foi rexeitado no Congreso dos Deputados.

Por tanto, a Xunta de Galicia seguirá reclamando, con firmeza e con lealdade institucional, os 200 millóns de euros de ingresos procedentes do sistema de financiamento autonómico que faltan na estimación dos recursos para 2019 comunicados polo Ministerio de Hacienda.
Precisamente o vindeiro xoves o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, entrevistarase coa ministra de Hacienda, María Jesús Montero, para trasladarlle o desacordo coa previsión de ingresos que se vén de comunicar a Galicia e demandarlle que tome as medidas oportunas para solucionar esta situación, toda vez que é ao Goberno central a quen lle corresponde arranxala.