Volver ao contido

Notas de prensa

« Atrás

A Xunta licita o proxecto para crear o espazo público Amizar na antiga sede da Consellería de Sanidade na Coruña

A Xunta licita o proxecto para crear o espazo público Amizar na antiga sede da Consellería de Sanidade na Coruña

  • O DOG publica hoxe a licitación para rehabilitar os dous inmobles situados na rúa Gregorio Hernández
  • importe da licitación é de 138.182 euros, cun prazo de execución de seis meses
  • A Xunta de Galicia investirá 5 millóns neste espazo de 5.500 metros cadrados que permitirá ofrecer mellores servizos e xerar novas oportunidades

 

Santiago de Compostela, 30 de outubro de 2017.- O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a licitación do proxecto para a rehabilitación integral da antiga sede da Consellería de Sanidade na cidade da Coruña. Esta rehabilitación transformará no Espazo Amizar os dous edificios que conforman a antiga delegación –o edificio prisma e o edificio óvalo-, situados ambos na rúa Gregorio Hernández.

 

A resolución publicada hoxe pola Axencia Galega de Infraestruturas tamén recolle o importe total do orzamento de licitación, que ascende aos 138.182,93 euros, así como o prazo de execución, que é de seis meses. En canto ao prazo de admisión das propostas, permanecerá aberto ata o vindeiro 17 de novembro.

 

O novo Espazo Público Amizar, no que a Xunta de Galicia prevé investir máis de cinco millóns de euros, vai poñer a disposición da veciñanza 5.500 metros cadrados de espazos públicos para ofrecer mellores servizos e xerar novas oportunidades. Ademais, permitirá aproveitar os recursos da Administración para camiñar cara aos alugueiros cero, ao crear un novo espazo público.

 

O Espazo Amizar contará cunha área para apoiar á cidadanía a través das dependencias de xuventude, menores ou inclusión; disporá tamén de dependencias dedicadas á formación e o emprego; dun espazo para traballar pola cidade nas dependencias administrativas; e dun amplo espazo para as asociacións socio-sanitarias desta cidade.

 

Este proxecto permitirá poñer en valor o patrimonio propiedade da Comunidade Autónoma, aproveitando os edificios singulares de carácter singular coma a antiga delegación, modernizando os inmobles e poñéndoos de novo ao servizo dos cidadáns.