Volver ao contido

Notas de prensa

« Atrás

A Xunta nomea 44 novos funcionarios de carreira que reforzarán o corpo auxiliar da Administración galega

A Xunta nomea 44 novos funcionarios de carreira que reforzarán o corpo auxiliar da Administración galega

  • As mulleres acadaron dúas de cada tres prazas nesta oposición
  • Estes novos empregados públicos tomarán posesión do seu destino definitivo no prazo máximo dun mes
  • O Goberno galego está a impulsar as ofertas de emprego público e a incrementar o número de prazas ofertadas

 

Santiago de Compostela, 6 de febreiro de 2018.- O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde da Consellería de Facenda pola que se nomean 44 novos funcionarios de carreira -30 mulleres e 14 homes-, que reforzarán o corpo auxiliar da Administración galega, e se lles adxudica destino definitivo.

 

Estes novos funcionarios que ingresan na Xunta de Galicia realizarán funcións de carácter complementario nas áreas de actividade administrativa; tarefas ofimáticas; transcrición e tramitación de documentos; arquivo, clasificación e rexistro, ficheiros ou labores de atención ao público, entre outros cometidos.

 

En xuño de 2015, a Xunta de Galicia convocou 44 prazas nas oposicións para o ingreso no corpo auxiliar da Administración Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia (subgrupo C2) a través do sistema de acceso libre. O número de persoas admitidas nestas oposicións chegou ata as 7.639 persoas.

 

Agora, unha vez rematados os tres exercicios dos que constaba o proceso selectivo, a Xunta de Galicia procede ao nomeamento como persoal funcionario daqueles aspirantes que superaron a oposición -ordenados en función da puntuación final obtida- para adxudicarlles os seus destinos definitivos.

 

Estes 44 novos funcionarios disporán do prazo dun mes, que comezará a computarse a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, para tomar posesión dos postos que lles foron adxudicados.

 

Aumento na oferta de prazas

Nos últimos anos, o Goberno galego está a impulsar ofertas de emprego público e a incrementar o número de prazas ofertadas. De feito, na Oferta de Emprego Público (OEP) de 2017 no eido da Administración Xeral, vai permitir a convocatoria de 789 novas prazas, o que supón incrementar nun 10% as ofertadas no ano anterior (714). Ademais, é a oferta de emprego público máis elevada desde o ano 2008.