Volver ao contido

Notas de prensa

A Xunta nomea os membros do Tribunal Administrativo que vai resolver os recursos especiais no eido da contratación pública

A Xunta nomea os membros do Tribunal Administrativo que vai resolver os recursos especiais no eido da contratación pública

  • O presidente deste organismo será o letrado Santiago Valencia, actual xefe de Asuntos Constitucionais da Xunta
  • Os vogais, Ana María de Frutos e Tomás Otero, tamén son funcionarios de carreira
  • Con este tribunal, Galicia poderá resolver os recursos especiais que se presentan no eido da contratación, unha función que agora realiza o Tribunal administrativo central de recursos contractuais, dependente do Ministerio de Facenda
  • O Tribunal actuará con independencia no exercicio das súas competencias e o seu ámbito de actuación tamén incluirá a Administración local e as universidades

O Consello da Xunta acordou hoxe o nomeamento dos tres membros do Tribunal Administrativo de Contratación Pública da Comunidade Autónoma de Galicia, un organismo que se encargará de resolver os recursos especiais no eido da contratación administrativa. A presidencia do tribunal será ocupada polo letrado Santiago Valencia, actual xefe de Asuntos Constitucionais da Xunta de Galicia, mentres que os dous vogais serán Ana María de Frutos e Tomás Otero. Os tres membros do tribunal son funcionarios de carreira.

Santiago Valencia Vila naceu en 1973 e licenciouse en Dereito pola Universidade da Coruña. É funcionario de carreira de Xunta e pertence á escala de letrados da Xunta desde 1998 –accedeu como número un da súa promoción. Na actualidade, é o xefe de gabinete de Asuntos Constitucionais na Asesoría Xurídica Xeral da Xunta. Previamente exerceu de letrado en distintos destinos da Administración autonómica.

En canto ás dúas persoas nomeadas vogais, Ana María de Frutos Martínez naceu en 1962 e licenciouse en Dereito pola Universidade de Santiago. É funcionaria de carreira do corpo superior da Xunta, administración á que accedeu en 1985. Ata agora desempeñaba o cargo de xefa do servizo do Rexistro Xeral e información á cidadanía da Xunta, dependente da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Adminsitracións Públicas e Xustiza.

O outro vogal nomeado hoxe é Tomás Ferreiro Otero, nacido en 1974 e licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago. É funcionario de administración local con habilitación de carácter nacional desde 2001, e na actualidade é xefe do servizo de Xestión e Coordinación Administrativa na Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, na Consellería de Política Social.

Coa posta en marcha deste tribunal, que se producirá nas vindeiras semanas unha vez que que os nomeamentos se publiquen no DOG, Galicia asumirá unha competencia que neste momento é desenvolvida polo Estado, dado que na actualidade os recursos especiais –os de maior relevancia na contratación pública- no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia son resoltos por un órgano adscrito ao Ministerio de Hacienda.

As tres persoas nomeadas hoxe foron seleccionadas logo dunha convocatoria pública na que se estableceu que o presidente do Tribunal debe ser funcionario de carreira, de corpo ou escala para cuxo acceso sexa requisito necesario o título de licenciado ou grao en Dereito e cunha experiencia profesional superior a dez anos; mentres que os vogais tamén se designan entre aqueles funcionarios de carreira que conten co título de licenciado ou grao en Dereito e que teñan unha actividade profesional superior a dez anos.

A duración do mandato dos membros do tribunal será de seis anos, aínda que a primeira renovación do tribunal realizarase de forma parcial aos tres anos do nomeamento.

Funcións
O Tribunal Administrativo de Contratación Pública da Comunidade Autónoma actuará con total independencia no exercicio das súas competencias, e terá entre as súas funcións o coñecemento e resolución dos recursos especiais en materia de contratación. Entre eles figuran os contratos de obras cuxo valor estimado sexa superior a tres millóns de euros, ou de subministro e servizos que teña un valor estimado superior a 100.000 euros.

Tamén resolverá os recursos referentes a acordos marco que teñan por obxecto a celebración de algún dos contratos antes mencionado, e os recursos por concesións de obras ou de servizos cuxo valor estimado supere os tres millóns de euros.

O ámbito de competencia deste tribunal abarcará a Xunta e as entidades do sector público autonómico que teñan a consideración de poder adxudicador; as entidades locais, e as súas respectivas entidades que sexan poder adxudicador; e por último ás universidades públicas.

Durante o ano 2016 –último ano con datos– o Tribunal administrativo central de recursos contractuais resolveu 173 reclamacións procedentes de Galicia, segundo os datos publicados polo Ministerio de Facenda e Función Pública. Este tipo de recursos serán asumidos pola Comunidade Autónoma de Galicia coa posta en marcha deste tribunal.