Volver ao contido

Notas de prensa

A Xunta ofrece ao Concello de Vigo a cesión gratuíta dunha parcela da antiga ETEA, tal e como demandan os veciños de Teis

A Xunta ofrece ao Concello de Vigo a cesión gratuíta dunha parcela da antiga ETEA, tal e como demandan os veciños de Teis

  • Está parcela está destinada a fins recreativos e deportivos, e conta cunha superficie de máis de 7.600 metros cadrados
  • Ademais, a Xunta levará a cabo as obras de urbanización precisas para dotar de servizos ao futuro Campus do Mar

Santiago de Compostela, 15 de xuño de 2018.- A Xunta de Galicia vén de ofrecer ao Concello de Vigo a cesión gratuíta dunha parcela situada nos terreos da antiga ETEA, tal como demandan os colectivos veciñais do barrio de Teis. Esta parcela ten unha superficie de máis de 7.600 metros cadrados e está destinada a fins recreativos e deportivos.

A Administración galega toma esta decisión despois de manter varias reunións con asociacións e colectivos do barrio de Teis, cuxos representantes solicitaron á Xunta que ofreza esta cesión ao Concello de Vigo, ao tempo que se mostraron moi interesados no desenvolvemento do Campus do Mar nos terreos da ETEA.

A Xunta tiña planificado ofrecer a cesión desta propiedade ao Concello unha vez estivesen rematadas as obras de urbanización -que se van desenvolver nos vindeiros meses-, toda vez que nela ubícanse instalacións recreativas máis propias das competencias municipais. Non obstante, logo de escoitar as demandas dos colectivos veciñais e sociais, a Xunta comprometeuse con eles a ofrecer xa esta cesión.

A Xunta de Galicia xa asinou nos últimos meses dous convenios para o desenvolvemento do Campus do Mar na ETEA: un convenio con Zona Franca de reversión das parcelas 3A e 3B, que se corresponden coa área científico tecnolóxica, para que a Universidade de Vigo proceda ao seu desenvolvemento; e outro convenio coa Universidade para a rehabilitación do edificio Faraday, na que se ubicará a sede institucional do Campus do Mar.

Ademais, a Administración galega tamén chegou a un acordo co CSIC para que se instale na parcela PS-2 da ETEA, de forma que o organismo estatal trasladará dúas das súas instalacións ao barrio de Teis: o Instituto de Investigacións Mariñas e a Unidade de Tecnoloxía Mariña-Sede Atlántica do CSIC.

A Xunta de Galicia mantén a súa aposta por converter os terreos da antiga ETEA nun centro de referencia e excelencia da investigación mariña a nivel internacional. O obxectivo é acadar un espazo multidisciplinar, no cal se unan os usos sociais e os científicos, co fin de atraer a cidadanía cara a este campus.