Volver ao contido

Notas de prensa

A Xunta pacta cos sindicatos un acordo histórico para a mellora do emprego público que inclúe desenvolver a carreira profesional, a funcionarización e as subas salariais ata 2020

A Xunta pacta cos sindicatos un acordo histórico para a mellora do emprego público que inclúe desenvolver a carreira profesional, a funcionarización e as subas salariais ata 2020

  • O Consello da Xunta autorizou hoxe a sinatura deste acordo con UGT e CC.OO, o máis importante da historia da Autonomía no eido da función pública
  • Neste 2019 haberá unha suba salarial xeral do 2,25%, que a Xunta xa aboará desde a nómina de xaneiro cun importe medio anual duns 810 euros por traballador, e outro 0,25% desde xullo se o PIB acada un crecemento mínimo do 2,5%
  • Implántase a carreira profesional na Administración Xeral, un sistema voluntario e consolidable que recoñece o desempeño do empregado público e a súa formación
  • Esta carreira profesional xa existe no Sergas, e os beneficiarios percibirán de xeito progresivo unha contía anual por cada grao que vai dos 761 euros na categoría de menor nivel ata os 2.460 na categoría A1
  • Tamén se acorda a funcionarización voluntaria do persoal laboral fixo, a través dun proceso sinxelo que permitirá eliminar a desigualdade entre traballadores da Xunta
  • Este proceso xa comezou en 2018 coas primeiras 500 prazas e aumentará de xeito substancial este ano e o seguinte
  • Xunta e sindicatos tamén acordan o volume de prazas mínimo nas ofertas de emprego público de 2019 e 2020, sen contar sanidade nin educación
  • Estas novas ofertas permitirán seguir aumentando a estabilización do persoal e facilitando o acceso á función pública galega

 

O Consello da Xunta autorizou hoxe a sinatura do acordo global de mellora do emprego público de Galicia, o máis importante da historia da Autonomía e que permitirá desenvolver a carreira profesional no eido da Administración Xeral, os procesos voluntarios de funcionarización do persoal laboral fixo ou as subas salariais xerais ata o ano 2020, ao tempo que establece un mínimo de prazas de emprego público a ofertar nos vindeiros anos.

Este acordo de concertación social, acadado coas organizacións UGT e CC.OO. e que será asinado nos próximos días, establece en primeiro lugar unha serie de medidas para a mellora do emprego público e das condicións de traballo. Entre estas medidas figuran unha aposta pola estabilidade, co obxectivo de reducir a taxa de temporalidade á contorna do 7%, e os incrementos retributivos que vai afrontar a Administración galega nos vindeiros anos.

Así, neste 2019 a Xunta aplicará unha suba salarial xeral para todos os empregados públicos do 2,25% con efectos desde o 1 de xaneiro, o que supoñerá de media uns 810 euros anuais por empregado público. A Xunta xa aboará este incremento desde a nómina do mes de xaneiro, que se pagará este mes, grazas á que a Administración galega incluíu este aumento nos Orzamentos en vigor e unha vez que conta con habilitación legal do Estado.

Ademais, o acordo establece unha suba salarial adicional do 0,25% con efectos de 1 de xullo, que se poderá aplicar se o crecemento do PIB en España iguala ou supera o 2,5% no conxunto do ano 2018, e Galicia poderá destinar outro 0,25% da masa salarial para fondos adicionais. En canto a 2020, o acordo prevé un aumento fixo do 2% e un aumento variable do 1% adicional se o PIB medra un 2,5% ou máis, así como un 0,3% para fondos adicionais. E no caso de cumprirse o obxectivo de estabilidade orzamentaria no ano 2020 engadiríase unha suba adicional do 0,55%, polo que a suba nese exercicio sería do 3,85%.

Hai que ter en conta que esta suba salarial xeral unirase aos acordos acadados pola Xunta coas organizacións sindicais nos distintos ámbitos da Administración galega: a reanudación da carreira profesional no Sergas, o acordo salarial co persoal docente, o acordo co persoal da Xustiza e outros acordos máis específicos, como o dos axentes forestais e medioambientais ou o do Consorcio de Igualdade e Benestar.

 

Nova carreira profesional
O acordo autorizado hoxe polo Consello da Xunta tamén inclúe por primeira vez na historia da Autonomía a implantación da carreira profesional no ámbito da Administración Xeral, un sistema voluntario e consolidable que recoñecerá o desempeño do empregado público e a súa formación continua, e que xa está implantado no Servizo Galego de Saúde.

Esta carreira profesional ten vocación de ser común para os servizo públicos autonómicos, e dá resposta a unha reivindicación histórica das organizacións sindicais. O obxectivo primordial deste sistema é favorecer a motivación dos empregados públicos e a súa mellor formación, nunha época de grandes cambios tecnolóxicos e organizativos.

Os beneficiarios da carreira profesional recibirán, de maneira progresiva, unha contía anual que irá, por cada grao, desde os 761 euros na categoría de menor nivel ata os 2.460 euros da categoría A1. Ademais, o persoal laboral fixo poderá acceder ao sistema de carreira profesional previsto neste acordo se opta de maneira expresa e individualizada por acollerse ao proceso de funcionarización e supera o mesmo.

O sistema de carreira profesional contará con dous réximes de aplicación: un réxime ordinario cun grao inicial e catro graos, ao que se poderán acoller os novos funcionarios e os que teñan menos de cinco anos de antigüidade, e un réxime extraordinario, habilitado de xeito excepcional para os traballadores con máis de cinco anos de antigüidade. Este réxime extraordinario contará con catro graos e comporta o acceso ao grao 1, e ten como finalidade recoñecer o desempeño xa realizado polos funcionarios ao longo da súa traxectoria.

Para poder progresar na carreira terase en conta, entre outros criterios: a actividade profesional; a formación e innovación; a implicación e compromiso coa organización; e a participación en iniciativas e programas especiais, en liñas de traballo específicas ou transversais, en procesos de cambio e na implantación de novos sistemas.

 

Primeiro proceso global de funcionarización
No acordo acadado coas organizacións sindicais establécese igualmente o desenvolvemento do primeiro proceso global de funcionarización do persoal laboral fixo da Xunta. Este proceso será totalmente voluntario e realizarase a través da participación nunha promoción interna, conseguindo así eliminar a desigualdade entre traballadores da Administración galega.

Deste proceso de funcionarización do persoal laboral fixo poderá beneficiarse a práctica totalidade do mesmo, agás aqueles postos que non sexan funcionarizables polas súas características. As persoas que se acollan a este proceso terán máis oportunidades de mobilidade integral e promoción profesional, e manterán o seu destino actual e o recoñecemento de todos os servizos previos. Ademais, unificaranse as listas de contratación, polo que haberá menos listas e serán máis activas.

Este proceso pode desenvolverse porque foi incluído expresamente na Lei de Emprego Público de Galicia, e logo da adaptación nos últimos anos das relacións de postos de traballo, en 2018 xa foron incluídas na oferta de emprego público 500 prazas para funcionarizar. En todo caso, a previsión da Xunta é que esta cifra aumente de xeito substancial este ano e tamén o seguinte.

 

Máis emprego público
Finalmente, o acordo inclúe o compromiso por parte da Xunta de Galicia de ofertar no eido da administración xeral –é dicir, sen contar sanidade nin educación– un mínimo de prazas de emprego público entre 2019 e 2020, que poderá ser ampliado nos correspondentes procesos de negociación sindical. A previsión do Goberno galego é aprobar a oferta de emprego público para 2019 no primeiro trimestre do ano.

Estas novas ofertas de emprego público permitirán seguir aumentando a estabilización do persoal, co obxectivo de acadar unha taxa de estabilización do 93%, e facilitando ao mesmo tempo o acceso á función pública galega, a través de a aquelas persoas que queren traballar na Xunta de Galicia e cumpren os requisitos para facelo.

Hai que ter en conta que no período 2017-2018 a Xunta de Galicia ten ofertado case 9.200 prazas de emprego público entre sanidade, educación e administración xeral, a meirande parte delas de acceso libre. De feito a oferta de emprego global do ano 2018 incluíu o número de prazas máis alto desde o ano 2008.