Volver ao contido

Notas de prensa

A Xunta pon en marcha por primeira vez unha bolsa de emprego temporal reservada a persoas con discapacidade intelectual

A Xunta pon en marcha por primeira vez unha bolsa de emprego temporal reservada a persoas con discapacidade intelectual

  • Poderán anotarse nesta bolsa as persoas admitidas nas oposicións para ordenanza convocadas en 2016 e terán de prazo desde mañá ata o 15 de xullo
  • A puntuación obtida polos aspirantes que superasen o primeiro exercicio da oposición contará como mérito
  • Xa están convocadas as segundas oposicións reservadas exclusivamente para persoas con discapacidade intelectual que se realizan na historia da Administración autonómica

Santiago de Compostela, 27 de xuño de 2018.- A Xunta de Galicia vén de por en marcha por primeira vez unha bolsa de emprego temporal reservada para persoas con discapacidade intelectual. As persoas apuntadas nesta lista poderán traballar nas consellerías da Administración galega con contratos temporais, en postos de traballo especificamente adaptados a persoas con discapacidade intelectual.

Para poder anotarse nesta lista específica é requisito ter sido admitido nas oposicións que se convocaron no 2016 para a categoría de ordenanza do grupo V de persoal laboral fixo da Xunta. As persoas que se apunten nesta bolsa de emprego estarán ordeadas en función da puntuación que obtiveron nesas oposicións, de modo que as que acadaron unha mellor puntuación estarán situadas nos postos máis altos da lista.

O prazo de inscrición permanecerá aberto desde mañá, 28 de xuño, ata o vindeiro 15 de xullo, segundo recolle unha resolución da Dirección Xeral da Función Pública incluída no Diario Oficial de Galicia (DOG) de hoxe. Estas listas son utilizadas pola Xunta para cubrir vacantes, facer substitucións e reforzar os servizos públicos.

Todas aquelas persoas que cumpran os requisitos e estean interesadas en apuntarse a estas listas específicas de emprego temporal deberán presentar a instancia que se pode descargar na web da Xunta de Galicia (www.xunta.gal), no apartado Listas de Contratación.

Nova convocatoria de prazas para este colectivo
A Xunta xa convocou o pasado mes de abril as segundas oposicións reservadas exclusivamente a persoas con discapacidade intelectual que se realizan na historia da Administración autonómica, con 24 novas prazas de emprego público. As persoas que superen este proceso selectivo pasarán a ser funcionarios da Xunta e traballarán como persoal subalterno.

Tanto a primeira como a segunda convocatoria foron programadas en colaboración coa Federación galega de asociacións a favor das persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento (Fademga) e Down Galicia.