Volver ao contido

Notas de prensa

A Xunta publicará 180 estatísticas en 2018, con novas análises sobre poboación, pesca, minería e demografía empresarial

A Xunta publicará 180 estatísticas en 2018, con novas análises sobre poboación, pesca, minería e demografía empresarial

  • O programa do vindeiro ano inclúe 144 actividades de difusión e información e 36 de análise
  • Estas operacións permitirán afondar na calidade, a transparencia, o rigor e a obxectividade do sistema estatístico galego
  • Aumentará a oferta de información dos concellos para estimar a carga estacional de poboación e o emprego asociado ao seu PIB
  • Seguiranse a executar as grandes enquisas como a EPA ou a enquisa Estrutural a Fogares que se completará con información sobre coidado de menores

O Consello da Xunta aprobou hoxe o Programa Estatístico da Comunidade Autónoma para 2018, a través do cal a Xunta realizará o vindeiro ano 180 estatísticas e ampliará información con novas análises sobre poboación dependente, o emprego na pesca, a demografía empresarial, a minería e as actividades de fabricación de produtos non metálicos.

Destas 180 estatísticas, 144 son actividades de difusión e información e 36 son actividades de análise que servirán para afondar na calidade, a transparencia, o rigor e a obxectividade do sistema estatístico galego e incrementar o valor da información obtida.

Entre as novidades do Programa Estatístico de Galicia para o vindeiro ano destacan ademais estatísticas sobre a carga de poboación estacional e o emprego asociado co Produto Interior Bruto (PIB) de cada concello para ampliar a información con desagregación municipal. Tamén se inclúen novas estatísticas sobre traballadores por conta propia ou

Este é o segundo programa do Plan Galego de Estatística 2017-2021, que consolida e amplía os logros do anterior e aposta pola calidade. Neste sentido, o Instituto Galego de Estatística (IGE) seguirá a executar as grandes enquisas dos programas anteriores como a Enquisa de Poboación Activa (EPA) ou a Enquisa Estrutural a Fogares (EEF), que completará a súa difusión con información sobre coidado de menores.

Plan estatístico 2017-2021
O Plan Galego de Estatística 2017-2021 supón un marco legal que consolida e amplía os logros dos anteriores. Ademais, coloca a Galicia entre o reducido número de comunidades autónomas dotadas dun sistema estatístico acorde cos principios internacionais de boas prácticas.

O plan asume expresamente o código de conduta adoptado polo comité do sistema estatístico europeo. Polo tanto, a organización estatística de Galicia queda sometida aos seus principios. A independencia profesional do persoal estatístico, a imparcialidade, a obxectividade e a transparencia son algúns deles.