Volver ao contido

Notas de prensa

A Xunta ratifica a súa aposta polo Barrio da Residencia de Lugo e insta ao Concello a colaborar para iniciar as obras

A Xunta ratifica a súa aposta polo Barrio da Residencia de Lugo e insta ao Concello a colaborar para iniciar as obras

O conselleiro de Facenda confirma que o barrio contará con todos os usos comprometidos polo Goberno galego
Aclara que deixar sen efecto a retrocesión fíxose a instancias do Goberno para axilizar e simplificar os trámites necesarios, pasando de sete a dous expedientes
Lembra que a Xunta xa presentou en xullo a solicitude de licencia para o Centro Integral de Saúde

Santiago de Compostela, 26 de setembro de 2018.- A Xunta de Galicia ratificou hoxe a súa aposta polo Novo Barrio da Residencia de Lugo e polos distintos usos que terá este complexo, ao tempo que instou ao Concello de Lugo a colaborar e non poñer atrancos co obxectivo de iniciar as obras no menor tempo posible.

Nunha intervención no Parlamento, o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, confirmou que a Xunta mantén sen cambios o compromiso de que este barrio dispoña do primeiro Centro Integral de Saúde de Galicia, dunha nova residencia sociosanitaria, dunha nova oficina de formación e emprego, dun centro de emprendemento da industria aeronáutica e dunha planta de distribución de biomasa para abastecer a este complexo.

O titular de Facenda explicou que a Xunta deixou sen efecto a retrocesión dunha parte dos terreos a instancias do Goberno central para realizala nun momento posterior, xa que isto permitirá axilizar e simplificar os trámites necesarios. Deste xeito, realizarase unha única demolición por parte da Xunta sen necesidade de expediente previo, e reduciranse de sete a dous os expedientes previstos, un de retrocesión e outro de cesión.

Valeriano Martínez lembrou que a Xunta de Galicia xa está a executar diversas actuacións no Novo Barrio da Residencia de Lugo, e froito disto é o convenio asinado o pasado venres co Concello de Lugo para executar o primeiro Centro Integral de Saúde de Galicia. "Este convenio ratifica a vontade da Xunta co Novo Barrio da Residencia e non pode poñerse en cuestión", sinalou o conselleiro en resposta a unha pregunta oral.

Precisamente, e grazas a deixar sen efecto a retrocesión, a Xunta presentará no prazo dun mes e medio o proxecto de demolición do antigo edificio do Hospital Xeral, para poder levantar nese espazo a nova residencia de maiores "tan necesaria para Lugo".

Finalmente, o conselleiro pediu a máxima colaboración posible ao Concello de Lugo para iniciar as obras canto antes, e lembrou que a Xunta neste momento agarda que o Concello outorgue a licencia para o Centro Integral de Saúde, solicitada en xullo.