Volver ao contido

Notas de prensa

As primeiras persoas con discapacidade intelectual que acadan un emprego fixo na Xunta tomarán posesión neste trimestre

As primeiras persoas con discapacidade intelectual que acadan un emprego fixo na Xunta tomarán posesión neste trimestre

  • O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, anunciouno hoxe no Parlamento
  • Tamén avanzou que a Administración galega convocará de maneira inmediata outro proceso selectivo reservado igualmente para este colectivo
  • Máis de 350 persoas participaron no primeiro concurso-oposición realizado na historia da Xunta, no que colaboraron Fademga e Down Galicia

Santiago de Compostela, 7 de febreiro de 2018.- As primeiras persoas con discapacidade intelectual que acadan un emprego fixo na Xunta de Galicia tomarán posesión das súas prazas neste trimestre, unha vez que conclúa o proceso selectivo posto en marcha pola Administración galega e reservado a este colectivo, segundo anunciou hoxe no Parlamento o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez.

Durante unha interpelación na Cámara galega, o titular de Facenda explicou que no primeiro trimestre deste ano tomarán posesión das súas prazas como persoal laboral fixo da Xunta as seis persoas que superaron o primeiro concurso-oposición realizado na historia da Administración autonómica. Neste momento os exames xa están concluídos e só resta a publicación do baremo definitivo correspondente aos méritos alegados polos aspirantes.

En todo caso, Valeriano Martínez anunciou tamén que se convocará de forma inmediata outro proceso selectivo para persoas con discapacidade intelectual, o que suporá "unha nova oportunidade para facer valer o esforzo xa realizado e acceder a un emprego público".

Neste marco, o conselleiro de Facenda explicou que están pendentes de convocar un total de 10 prazas para o corpo auxiliar (subgrupo C2), e 24 prazas para a agrupación profesional do persoal funcionario subalterno. "A Xunta no só cumpre a reserva legal de prazas de emprego para persoas con discapacidade en xeral e con discapacidade intelectual, senón que a mellora", subliñou.

Primeiras oposicións para discapacidade intelectual
No mes de abril do pasado ano tivo lugar o primeiro concurso-oposición na historia da Xunta reservado exclusivamente para persoas con discapacidade intelectual. Este proceso selectivo tiña como obxectivo facilitar a inserción e adaptación laboral deste colectivo na Administración autonómica, así como tamén apoiar a súa formación.

Nesta oposición, realizada en colaboración coa Federación galega de asociacións a favor das persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento (Fademga) e Down Galicia, participaron un total de 352 persoas. "A resposta superou as nosas expectativas", sinalou o conselleiro, quen tamén explicou que esta "resposta excepcional confirmou que existía unha demanda por parte da sociedade galega".