Volver ao contido

Notas de prensa

Case 800 aspirantes participarán nas oposicións da Xunta para 55 prazas de veterinarios

Case 800 aspirantes participarán nas oposicións da Xunta para 55 prazas de veterinarios

  • Ademais, outras 222 persoas participarán nos procesos selectivos para 11 prazas de inspección de consumo e finanzas
  • A Xunta reforza así ámbitos da Administración galega como a sanidade animal, a seguridade alimentaria ou a loita contra a fraude fiscal
  • O DOG publica hoxe as resolucións nas que se aproban e se fan públicas as listas provisionais de aspirantes admitidos e excluídos

Santiago de Compostela, 23 de xuño de 2017.- Case 800 persoas participarán nas oposicións a 55 prazas de veterinarios na Xunta de Galicia, e outras 222 concorrerán para cubrir oito postos da escala superior de finanzas e tres de axentes de inspección de consumo da Administración galega, segundo as listas provisionais de persoas admitidas e excluídas publicadas hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG).

O DOG recolle as resolucións da Dirección Xeral da Función Pública polas que se aproban e se fan públicas as listas provisionais de persoas admitidas e excluídas para o ingreso na escala de veterinarios (subgrupo A1); na escala superior de finanzas (subgrupo A1) e para a escala de axentes de inspección, na especialidade de consumo (subgrupo C1).

As convocatorias destes procesos selectivos publicáronse no DOG do día 7 de abril de 2017. Para a escala de veterinarios, convocáronse 55 prazas, con 797 persoas admitidas e 47 excluídas. Para a escala superior de finanzas, convocáronse oito prazas de promoción interna con 32 aspirantes admitidos e ningún excluído. E finalmente, para a escala de axentes de inspección na especialidade de consumo da Xunta convocáronse tres prazas, con 190 admitidos e 40 excluídos.

As relacións de persoas admitidas nestes procesos pódense consultar no portal web funcionpublica.xunta.gal, mentres que as relacións de persoas excluídas, con indicación da causa de exclusión, pódense consultar no DOG de hoxe e no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal. Os aspirantes excluídos disporán dun prazo de dez días hábiles -contados desde luns- para reclamar ou achegar a documentación precisa.

Reforzo de áreas prioritarias
Coa cobertura destas 66 prazas de emprego público, a Xunta de Galicia reforzará eidos prioritarios como a sanidade animal e a seguridade alimentaria, dado que a Administración galega dispón de veterinarios en consellerías como a de Medio Rural, Sanidade, Mar ou Medio Ambiente e Ordenación do Territorio.

Ademais, con estas convocatorias de oposicións tamén se dotará de máis persoal técnico á Xunta para desenvolver actuacións contra a fraude fiscal, a inspección contable e financeira, a comprobación e recadación tributaria e a inspección de consumo.