Volver ao contido

Notas de prensa

Case o 80% dos traballadores laborais fixos da Xunta solicitaron xa converterse en funcionarios e acceder á carreira profesional

Case o 80% dos traballadores laborais fixos da Xunta solicitaron xa converterse en funcionarios e acceder á carreira profesional

  • Un total de 10.375 empregados públicos pediron acceder a este sistema, o 90% do total, segundo as primeiras cifras no peche do mes de xuño
  • A carreira profesional na Administración Xeral estase a implantar por vez primeira na historia da Xunta e está recollida no acordo de concertación social, asinado en xaneiro entre o Goberno galego e os sindicatos CC.OO. e UGT
  • Adicionalmente a estas retribucións, a Xunta aplicará xa na nómina deste mes unha suba salarial xeral do 0,25% a todos os empregados públicos, polo que a suba media este ano será de 885 euros máis por traballador

Santiago de Compostela, 4 de xullo de 2019.- Case o 80% dos traballadores laborais fixos da Xunta de Galicia solicitaron xa converterse en funcionarios da Administración autonómica e acceder así á carreira profesional, un sistema que se está a implantar na Administración xeral por primeira vez na historia da Xunta, segundo consta nun informe sobre o balance do Acordo de Concertación Social asinado no mes de xaneiro de 2019 entre o Goberno galego e os sindicatos CC.OO. e UGT.

Ao peche do primeiro semestre, 2.586 efectivos do persoal laboral fixo –o 78% do total que pode acceder á carreira profesional a través do réxime extraordinario- solicitaron á Dirección Xeral da Función Pública o acceso a este sistema, o que implica o seu compromiso de converterse en funcionarios. A esta cifra súmanse outros 7.789 funcionarios de carreira –o 95% do total– que tamén solicitaron xa o acceso á carreira.

Estas cifras demostran que a inmensa maioría dos traballadores da Xunta solicitaron xa o acceso á carreira profesional. Sumando o persoal de ambos os colectivos, un total de 10.375 empregados públicos pediron acceder a este sistema, o que supón o 90,1% do total de traballadores que podían solicitar o acceso á carreira profesional no eido da Administración xeral a través do réxime extraordinario.

A carreira profesional é un sistema voluntario e consolidable que recoñecerá o desempeño do empregado público e a súa formación continua, e que xa está implantado no Servizo Galego de Saúde. Esta carreira profesional dá resposta a unha reivindicación histórica das organizacións sindicais e o seu obxectivo é favorecer a motivación dos empregados públicos e a súa mellor formación, nunha época de grandes cambios tecnolóxicos e organizativos.

O sistema de carreira profesional conta con dous réximes de aplicación: un réxime ordinario cun grao inicial e catro graos, ao cal se poderán acoller os novos funcionarios e os que teñan menos de cinco anos de antigüidade, e un réxime extraordinario, habilitado de xeito excepcional para os traballadores con máis de cinco anos de antigüidade. Este réxime extraordinario contará con catro graos e comporta o acceso ao grao 1, e ten como finalidade recoñecer o desempeño xa realizado polos funcionarios ao longo da súa traxectoria.

Os beneficiarios percibirán de xeito progresivo unha contía anual por cada grao que vai dos 761 euros na categoría de menor nivel ata os 2.460 na categoría A1. O prazo para solicitar o acceso á carreira profesional no réxime extraordinario remata o 29 de xullo.

Para poder progresar na carreira terase en conta, entre outros criterios, a actividade profesional, a formación e innovación, a implicación e o compromiso coa organización e a participación en iniciativas e programas especiais, en liñas de traballo específicas ou transversais, en procesos de cambio e na implantación de novos sistemas.

Suba salarial do 0,25%
O Acordo de Concertación Social estableceu tamén unhas subas salariais xerais para todos os empregados públicos da Xunta ata 2020. A Xunta está a cumprir estes compromisos, e neste 2019 xa está a aplicar unha suba salarial xeral para o conxunto dos empregados públicos do 2,25% con efectos desde o pasado 1 de xaneiro.

Ademais, o acordo establece unha suba salarial adicional do 0,25% con efectos do 1 de xullo, unha cantidade variable en función do crecemento do PIB do exercicio anterior. A Xunta aplicará esta suba adicional xa na nómina deste mes de xullo, logo de que o Consello de Ministros aprobase este incremento a finais do mes pasado. Sumando ambas as subas, os empregados públicos da Xunta percibirán de media este ano 885 euros máis que en 2018.

Hai que ter en conta que esta suba salarial xeral se une aos acordos acadados pola Xunta coas organizacións sindicais nos distintos ámbitos da Administración galega: a implantación da carreira profesional na Administración xeral, o restablecemento da carreira profesional no Sergas, o acordo salarial co persoal docente, o acordo co persoal da Xustiza e outros acordos máis específicos, como o dos axentes forestais e ambientais ou o do Consorcio de Igualdade e Benestar.

Máis emprego público
Finalmente, a Xunta está a cumprir o compromiso –incluído tamén no Acordo de concertación social- de ofertar no eido da Administración xeral –é dicir, sen contar Sanidade nin Educación– un mínimo de prazas de emprego público entre 2019 e 2020, que poderá ser ampliado nos correspondentes procesos de negociación sindical.

De feito, a Xunta xa aprobou neste 2019 os seus tres decretos de ofertas de emprego público, que suman un total de 5.157 prazas, a maior parte de acceso libre. Estas novas ofertas de emprego público permitirán seguir aumentando a estabilización do persoal, co obxectivo de acadar unha taxa de estabilización do 93%, e facilitando ao mesmo tempo o acceso á función pública galega, para aquelas persoas que queren traballar na Xunta de Galicia e cumpren os requisitos para facelo.