Volver ao contido

Notas de prensa

O conselleiro de Facenda destaca o papel do talento e da tecnoloxía para reforzar a transparencia e a calidade do mundo auditor

O conselleiro de Facenda destaca o papel do talento e da tecnoloxía para reforzar a transparencia e a calidade do mundo auditor

  • Valeriano Martínez clausurou hoxe as IV Xornadas de Auditoría e Contabilidade
  • Dixo que hai novas ferramentas coas que traballar e que a Xunta aproveita as oportunidades do contorno dixital para a interacción con cidadáns, empresas e outras administracións
  • No labor auditor ponderou a "seguridade, certeza e confianza" como valores "moi importantes"

Santiago de Compostela, 15 de novembro de 2019.- O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, resaltou hoxe o importante papel que xogan a xestión do talento e a tecnoloxía      -sobre todo no que fai referencia ao proceso de dixitalización- para reforzar a "xa cada vez maior transparencia e calidade da auditoría"; todo coa finalidade de optimizar a claridade e a relevancia da información subministrada.

O titular de Facenda, que clausurou en Santiago as IV Xornadas de Auditoría e Contabilidade en Galicia, felicitou aos organizadores polo enfoque que se lle deu a esta edición, centrada no talento e na tecnoloxía, con relatores de "primeiro nivel" que expuxeron as novidades na normativa contable, permitindo intercambiar opinións sobre o presente e o futuro do mundo auditor e da contabilidade.

Valeriano Martínez expresou o convencemento do Goberno galego de que a Administración pública do século XXXI "debe aplicar enfoques innovadores para prestar mellores servizos", en liña coas necesidades dos cidadáns e das empresas. Engadiu que para poder levar á práctica esta necesidade "contamos con novas ferramentas", aproveitando as oportunidades do contorno dixital, para conseguir o obxectivo de facilitar as interaccións entre os cidadáns, as empresas e outras administracións.

Deste xeito, o Executivo autonómico avanza na definición dun modelo dixital e xa completou recentemente o marco normativo galego coa Lei de Administración Dixital de Galicia, algo que non é alleo á actividade dos auditores, xa que as novas tecnoloxías da información e da comunicación "determinan un novo  contorno, un novo modelo de enfocar e desenvolver o labor auditor", dixo. Ademais, este proceso esixe novas formas de exercicio e una redefinición dos perfís profesionais para maximizar a información e sistemas dispoñibles.

Neste sentido, fixo referencia á recente publicación da adaptación das normas de auditoría do sector público ás normas internacionais de auditoría e ao código de ética para auditoría pública, que establecen "un corpo normativo cohesionado para o desenvolvemento da auditoría pública", sinalou. E ponderou igualmente a "seguridade, certeza e confianza" como valores moi importantes para realizar esta actividade profesional, obxecto de análise estes últimos días nas xornadas.