Volver ao contido

Notas de prensa

O conselleiro de Facenda resalta que Galicia foi a comunidade que máis converxeu coa Unión Europea nos últimos 18 anos

O conselleiro de Facenda resalta que Galicia foi a comunidade que máis converxeu coa Unión Europea nos últimos 18 anos

  • Valeriano Martínez clausurou hoxe en Santiago o IV Foro do Fondo Social Europeo

Santiago de Compostela, 25 de outubro de 2019.- O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, destacou hoxe que Galicia foi a comunidade que máis converxeu coa Unión Europea en termos de PIB por habitante en paridade de compra nos últimos 18 anos, nun total de oito puntos. Ademais, Galicia tamén recortou 12 puntos o diferencial coa media nacional no que vai se século.

O titular de Facenda, que clausurou este mediodía en Santiago o IV Foro do Fondo Social Europeo subliñou a influencia dos fondos estruturais e de investimento europeos, que é "moi notable e perceptible" por parte dos cidadáns galegos. Segundo sinalou, os máis de 21.000 millóns de euros que se investiron na Comunidade Autónoma no período 2014-2020 "sen dúbida, contribuíron de forma significativa ao noso desenvolvemento económico nestes últimos 30 anos".

O conselleiro tamén manifestou que o Produto Interior Bruto de Galicia (PIB) apenas superaba o 60% da media comunitaria no momento da adhesión á Europa dos 12, en 1986. Os últimos datos publicados polo Eurostat, referentes a 2017, mostran como Galicia recupera crecemento económico, situándose nun 82,3% da media comunitaria.

Apuntou tamén que no marco de programación 2021-2027, Galicia pasará a ser rexión en transición e que "estamos a traballar para manter o máximo nivel de recursos no próximo período" para avanzar nunha Galicia máis social.

Finalmente, Valeriano Martínez sinalou que máis de 108.000 persoas se beneficiaron na comunidade autónoma ata 2018 das actuacións cofinanciadas polo Fondo Social Europeo (FSE). Incidiu tamén nos obxectivos do Plan Estratéxico 2015-2020 relacionados cos ámbitos de actuación deste fondo, destacando que desde 2014 se crearon en Galicia máis de 90.000 empregos e a taxa de paro baixou en case 6 puntos.