Volver ao contido

Notas de prensa

O DOG publica hoxe a oferta de emprego público da Administración Xeral para 2021, con 1.006 prazas de acceso libre

O DOG publica hoxe a oferta de emprego público da Administración Xeral para 2021, con 1.006 prazas de acceso libre

  • A maiores, inclúense 322 prazas para a promoción interna e 163 para continuar co proceso de funcionarización voluntaria do persoal laboral fixo

Santiago de Compostela, 20 de abril de 2021.- O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a Oferta de Emprego Público (OEP) da Administración Xeral da Xunta de Galicia para o ano 2021, que esgota a taxa de reposición marcada polo Estado e inclúe un total de 1.006 prazas de acceso libre.

Tamén se ofertan 322 prazas para a promoción interna do persoal funcionario, uns procesos reservados a empregados públicos que xa son funcionarios e que poden acadar un ascenso ou promoción profesional a postos de traballo de maior responsabilidade e retribución; e 163 prazas para continuar co proceso de funcionarización voluntaria do persoal laboral fixo da Xunta. En total, a oferta na Administración Xeral ascende a 1.491  prazas.

Esta oferta de prazas ten a finalidade de garantir a posibilidade de que calquera persoa que cumpra os requisitos poida acceder a un posto de traballo de alta calidade na Xunta de Galicia; que os empregados públicos que xa traballan na Administración galega con carácter temporal poidan consolidar os seus postos de traballo; garantir o dereito á promoción profesional dos empregados públicos; e continuar co proceso de funcionarización voluntaria do persoal laboral fixo da Xunta pactado no Acordo de concertación para a mellora das condicións do emprego público, asinado en 2019 cos sindicatos CC.OO. e UXT.

O maior número de prazas de acceso libre concéntrase na escala de auxiliares de clínica con 140 prazas; na escala de axentes técnicos facultativos con 101 prazas na especialidade en xardín de infancia; ou na escala de técnicos facultativos con 28 prazas na especialidade de educadores ou 19 na especialidade de enfermaría. Tamén se inclúen 46 prazas para a escala de enxeñeiros técnicos; 45 prazas na escala de enxeñeiros; 34 para a escala de ciencias; ou 13 prazas para a escala de xerocultor. A todas estas prazas poderá acceder calquera persoa que cumpra os requisitos esixidos nas correspondentes convocatorias, e as probas desenvolveranse a través do sistema de concurso-oposición.

En canto ao eido administrativo, destacan 77 prazas para o corpo superior (A1), 79 para o corpo de xestión (A2), 51 para o corpo administrativo (C1), 62 para o corpo auxiliar (C2) e 47 prazas para a agrupación profesional de persoal subalterno (AP).

A todas estas prazas poderá acceder calquera persoa que cumpra os requisitos esixidos nas correspondentes convocatorias, e as probas desenvolveranse a través do sistema de concurso-oposición, garantindo a aplicación dos principios de igualdade, mérito, capacidade e publicidade, e respectando a libre concorrencia.