Volver ao contido

Notas de prensa

O Parlamento de Galicia dá luz verde ao teito de gasto da Comunidade Autónoma para 2020, que medra un 3,1%

O Parlamento de Galicia dá luz verde ao teito de gasto da Comunidade Autónoma para 2020, que medra un 3,1%

  • Valeriano Martínez presentou hoxe no Parlamento o teito de gasto non financeiro para o vindeiro ano, que ascende a 10.160 millóns de euros
  • O conselleiro cualificouno de "prudente e rigoroso" e recalcou que a Xunta aprobará no prazo legal o proxecto de Orzamentos para 2020
  • Tamén insistiu en que o Goberno galego seguirá reclamando os 700 millóns de euros que adebeda a Galicia o Executivo central

Santiago de Compostela, 9 de outubro de 2019.- O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, presentou hoxe no Parlamento o límite de gasto non financeiro para o ano 2020, que foi aprobado pola Cámara autonómica. En global, o teito de gasto sitúase en 10.160 millóns de teito de gasto, cun aumento de 311 millóns respecto ao Orzamento deste exercicio, o que supón un crecemento do 3,1%.

Deste importe, 10.112 millóns de euros se corresponden con ingresos non financeiros, 68 millóns proceden do obxectivo de déficit e os 20 millóns restantes son axustes negativos de contabilidade nacional.

Valeriano Martínez explicou que é primeira vez que a Xunta presenta un teito de gasto que supera a barreira dos 10.000 millóns de euros, e manifestou que a Administración galega segue aumentando os recursos nun escenario de estabilidade orzamentaria. Ademais, cualificou de "prudente e rigoroso" o teito de gasto presentado hoxe.

Proxecto de Orzamentos en prazo
O conselleiro de Facenda informou á Cámara de que o obxectivo do Goberno galego é aprobar o proxecto de Lei de Orzamentos da Comunidade Autónoma e presentalo no Parlamento no prazo legal, é dicir, antes do 20 de outubro, para garantir que a súa entrada en vigor se produce o vindeiro 1 de xaneiro.

Finalmente, Valeriano Martínez destacou que o Goberno galego seguirá reclamando os 700 millóns de euros que o Goberno central adebeda a Galicia. Desta cantidade, 530 millóns de euros están incluídos nos Orzamentos da Xunta en vigor -330 millóns das entregas a conta e 200 da mensualidade do IVE do ano 2017- e os outros 170 millóns correspóndense cos incentivos polo cumprimento de todos os obxectivos de estabilidade.