Volver ao contido

Notas de prensa

O Parlamento de Galicia dá luz verde ao teito de gasto da Comunidade Autónoma para 2021, que medra un 14,9%

O Parlamento de Galicia dá luz verde ao teito de gasto da Comunidade Autónoma para 2021, que medra un 14,9%

  • Valeriano Martínez presentou hoxe no Parlamento o teito de gasto non financeiro para o vindeiro ano, que ascende a 11.664 millóns de euros
  • O conselleiro cualificouno de "excepcional, prudente e rigoroso"
  • Permitirá afrontar con garantías a crise sanitaria, reactivar a economía e atender ás familias e empresas

Santiago de Compostela, 10 de novembro de 2020.- O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Valeriano Martínez, presentou hoxe no Parlamento o teito de gasto non financeiro para o ano 2021, que foi aprobado pola Cámara autonómica. En global, o teito de gasto sitúase en 11.664 millóns de euros, cun aumento de 1.516 millóns respecto ao Orzamento deste exercicio, o que supón un crecemento do 14,9%.

Deste importe, 11.012 millóns de euros correspóndense con ingresos non financeiros; 685 millóns proceden do obxectivo de déficit e os 33 millóns restantes son axustes negativos de contabilidade nacional.

Valeriano Martínez explicou que este teito de gasto é o máis alto da serie histórica e cualificouno de "excepcional, prudente e rigoroso" para loitar contra a pandemia e para a reactivación económica. Neste sentido, sinalou que se trata dun teito de gasto extraordinario que permitirá afrontar con garantías a pandemia sanitaria, reactivar e impulsar a economía e atender ás familias e empresas que están sufrindo a crise económica.

Orzamentos
O conselleiro de Facenda e Administración Pública informou tamén á Cámara de que o obxectivo do Goberno galego é aprobar o proxecto de Lei de Orzamentos da Comunidade Autónoma no mes de novembro. "Traballamos coa maior celeridade posible para estar en condicións de aprobar os Orzamentos antes de que termine este mes de novembro", subliñou.

Finalmente, Valeriano Martínez explicou que o teito de gasto chega ao Parlamento con retraso sobre o ciclo orzamentario habitual posto que os primeiros datos que ten que facilitar o Goberno central para poder elaboralo chegaron hai un mes. Por iso "quixemos acelerar o traballo máis ca nunca para compensar un retraso de máis de dous meses no ciclo orzamentario normal", apuntou.