Volver ao contido

Notas de prensa

A porcentaxe de participación nas oposicións para o corpo auxiliar C2 da Administración Xeral foi do 44%

A porcentaxe de participación nas oposicións para o corpo auxiliar C2 da Administración Xeral foi do 44%

  • Esta mañá tamén se realizou o exame para o corpo superior A1, cunha participación do 46%
  • A xornada transcorreu sen incidencias e os exames desenvolvéronse con total normalidade
  • Mañá terán lugar as probas para o corpo de xestión A2 e para a categoría de camareiro-limpador/axudante de cociña

Santiago de Compostela, 13 de abril de 2019.- A porcentaxe de participación nas oposicións celebradas hoxe no recinto da Feira Internacional de Galicia para o ingreso no corpo auxiliar da Administración Xeral C2 foi do 44%. Do total de aspirantes que estaban convocados (10.315), presentáronse finalmente 4.537 persoas.

Ademais, esta mañá tamén tivo lugar o primeiro exercicio para o ingreso no corpo superior da Administración Xeral da Comunidade Autónoma A1, para o que se presentaron 542 dos 1.176 aspirantes convocados, o que supón unha porcentaxe de participación do 46%.

A xornada de hoxe, día de inicio das probas, transcorreu sen incidencias relevantes e os exames desenvolvéronse con total normalidade. Unicamente o persoal de vixilancia expulsou da proba unha persoa que estaba a utilizar un dispositivo móbil.

Mañá domingo, continuarán as probas de acceso coa realización pola mañá do exame para o corpo de xestión da Administración Xeral de Galicia A2, con 2.010 aspirantes convocados. E xa pola tarde será a quenda da categoría de camareiro-limpador/axudante de cociña, na que están chamadas a participar 6.751 persoas.

Operativo de case 400 persoas
Un operativo formado por 380 persoas controla durante toda a fin de semana os exames de acceso á Xunta de Galicia en Silleda. Dentro deste dispositivo figuran máis dun cento de funcionarios da Administración galega que se encargarán do control de acceso aos pavillóns no que se realizan os exames.

En cada porta ubícanse entre seis e oito persoas, dependendo do volume de aspirantes de cada proceso selectivo, o que permite garantir a seguridade no acceso e a súa fluidez, co obxectivo de que todos os opositores realicen o exame de xeito simultáneo. O recinto feiral de Silleda dispón tamén durante a fin de semana dunha ambulancia, habilitada pola Xunta para atender calquera incidencia que se puidese producir durante a realización das probas.