Volver ao contido

Notas de prensa

Facenda insta a concellos, universidades e deputacións a imitar á Xunta e facer oposicións para persoas con discapacidade intelectual

Facenda insta a concellos, universidades e deputacións a imitar á Xunta e facer oposicións para persoas con discapacidade intelectual

  • O conselleiro pediulle a estas administracións que utilicen unha parte da taxa de reposición para facer oposicións específicas a este colectivo
  • Avanzou que a Xunta ofreceralles a súa experiencia neste eido, xa que este mes realizou con éxito o exame das primeiras oposicións da historia da Xunta reservadas á discapacidade intelectual, cun alto grao de participación
  • Valeriano Martínez sinalou que se prepara a convocatoria de 16 novas prazas para a Administración xeral e 17 para o Sergas

 

Santiago, 26 de abril de 2017.- O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, instou aos concellos das cidades galegas, ás universidades e ás deputacións provinciais a imitar á Xunta e poñer en marcha oposicións reservadas para as persoas con discapacidade intelectual, como ten realizado nas últimas semanas con éxito a Administración galega.

 

O titular de Facenda, que respondeu este martes a unha pregunta parlamentaria, explicou que estas administracións poden utilizar unha parte da taxa de reposición para aprobar procesos selectivos reservados a este colectivo, e avanzou que a Xunta ofrecerá "toda a colaboración e apoio" para que os poñan en marcha e faciliten así a integración da discapacidade intelectual no emprego público.

 

O 8 de abril realizouse en Santiago o exame da primeira convocatoria da historia da Xunta para persoas con discapacidade intelectual. O conselleiro informou de que estas probas foron "un acto de normalidade", no que, como en todo proceso de oposicións, "pretendemos poñer bos funcionarios ao servizo dos galegos". O obxectivo é que os seleccionados asinen os seus contratos laborais para empezar a traballar nas consellerías este mesmo ano.

 

Martínez agradeceu de xeito especial a colaboración das dúas entidades que contribuíron a que o proceso en marcha en Galicia se desenvolvese "na mellor compañía e nas mellores condicións", en referencia a Down Galicia e a Federación galega de asociacións a favor das persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento (Fademga).

 

O conselleiro informou tamén da alta participación rexistrada na convocatoria, con 429 admitidos, dos que se presentaron 352, o que supón un 82%, porcentaxe moito máis elevada da media dos procesos selectivos, que está entre o 50% e o 60%. No operativo traballaron 75 persoas, incluídos psicólogos, enfermeiros e coidadores.

 

Novas convocatorias

Despois deste primeiro paso, o titular de Facenda dixo que se vai continuar "favorecendo o emprego público inclusivo", con novas oportunidades para que as persoas con discapacidade intelectual entren a traballar nos servizos públicos nos vindeiros meses.

 

Así, informou de que se van convocar outras 16 prazas no eido da Administración xeral para este colectivo -12 de persoal funcionario subalterno e catro de auxiliar administrativo C2-, mentres que no Servizo Galego de Saúde (Sergas) convocaranse neste mesmo semestre 17 prazas de celador. Así mesmo, "abriremos unhas listas de emprego temporal para as persoas con discapacidade laboral", recordou.

 

Finalmente, Valeriano Martínez engadiu que a aposta polo emprego inclusivo está recollida no Plan Estratéxico e na Estratexia Galega sobre discapacidade 2015-2020, e que se queren evitar posibles discriminacións, achegando medidas para a inclusión plena e efectiva de persoas con discapacidade na sociedade en igualdade de oportunidades, como prevé tamén a Lei de Emprego Público de Galicia.