Volver ao contido

Notas de prensa

Finalizan con normalidade e sen incidencias as probas do primeiro proceso de funcionarización da Xunta de Galicia cunha participación do 96%

Finalizan con normalidade e sen incidencias as probas do primeiro proceso de funcionarización da Xunta de Galicia cunha participación do 96%

  • Os exames realizáronse con todas as garantías sanitarias en base ao protocolo autorizado pola Dirección Xeral de Saúde Pública

Silleda, 4 de outubro de 2020.- A Xunta de Galicia vén de rematar con normalidade e sen incidencias as probas do primeiro proceso de funcionarización para o persoal laboral fixo da Administración pública galega no recinto da Feira Internacional de Silleda en Pontevedra, cunha participación do 96%.

As probas desenvolvéronse en catro quendas ao longo de toda a fin de semana. Onte pola mañá tiveron lugar os exames para funcionarizar ao persoal laboral do grupo V na agrupación profesional de persoal funcionario (AP) cunha porcentaxe de participación do 93%. A continuación pola tarde, celebráronse as probas para a funcionarización do grupo I de persoal laboral no grupo A1 de persoal funcionario e do grupo III no grupo C1 de persoal funcionario. A porcentaxe de participación foi do 96% con 212 persoas presentadas das 221 que estaban convocadas.

Esta mañá foi a quenda do grupo II de laborais para funcionarizarse no grupo A2. A porcentaxe de participación foi do 98%. Do total das persoas convocadas (251), presentáronse 247. Finalmente, esta tarde realizáronse os exames para funcionarizar ao grupo IV de persoal laboral no grupo C2 de persoal funcionario. Neste caso a participación foi do 95% cun total de 283 persoas presentadas, das 299 convocadas.

Proceso con garantías sanitarias
As probas do primeiro proceso de funcionarización da Xunta de Galicia, realizáronse con todas as garantías sanitarias en base ao protocolo autorizado pola Dirección Xeral de Saúde Pública. Os aspirantes tiñan que acudir sos (salvo que precisaran asistencia) e presentarse á hora indicada na convocatoria, non con antelación; gardar en todo momento a distancia de seguridade; foi obrigatorio o uso de máscara durante todo o proceso e o emprego de xel hidroalcohólico para entrar nos pavillóns.

En total, un operativo formado por 142 persoas controlou durante toda a fin de semana o axeitado desenvolvemento das probas. Tamén se dispuxo dunha ambulancia, habilitada pola Administración galega para atender calquera incidencia que se puidese producir.

Hai que ter en conta que a funcionarización é un proceso de carácter voluntario que habilita ao persoal laboral fixo da Xunta de Galicia que superou un proceso selectivo para ter esa condición de persoal laboral fixo, para adquirir a condición de persoal funcionario de carreira a través dun procedemento selectivo específico e restrinxido.