Volver ao contido

Notas de prensa

Galicia acadou no 2º trimestre un crecemento anual do 2,8%, máis que a media española, e creou 17.900 empregos a tempo completo

Galicia acadou no 2º trimestre un crecemento anual do 2,8%, máis que a media española, e creou 17.900 empregos a tempo completo

  • Os datos do IGE constatan que a economía galega segue medrando con forza grazas á demanda interna e ao bo comportamento das exportacións
  • Todos os sectores da economía galega continúan en taxas positivas, cunha importante mellora do sector primario
  • O crecemento sobre o trimestre anterior foi do 0,6%, igual á media española
  • A formación bruta de capital, un indicador relevante sobre os investimentos empresariais, obtivo o maior crecemento dos últimos doce anos

Santiago de Compostela, 30 de agosto de 2018.- A economía galega acadou no segundo trimestre do ano un crecemento anual do 2,8%, máis que a media española, e creou case 18.000 postos de traballo equivalentes a tempo completo en comparación co mesmo período de 2017, segundo as contas económicas trimestrais do Instituto Galego de Estatística (IGE).

Os datos do IGE publicados hoxe constatan que a economía galega mantén un forte ritmo de crecemento. En termos interanuais –é dicir, en comparación co mesmo trimestre do ano anterior– o PIB galego avanzou no segundo trimestre un 2,8%, unha décima superior ao crecemento da economía española, que foi do 2,7%, segundo os datos avanzados polo Instituto Nacional de Estatística (INE).

Segundo o IGE, o crecemento da economía galega entre abril e xuño sustentouse no incremento da demanda interna –que avanzou un 3,0%- e no bo comportamento das exportacións de bens e servizos, que medraron un 4,5%. Os datos do organismo estatístico autonómico tamén mostran que a economía galega medrou un 0,6% con respecto ao primeiro trimestre. O avance da economía galega foi idéntico ao do PIB nacional.

Ademais, no segundo trimestre produciuse tamén un importante crecemento da formación bruta de capital, un indicador relevante para coñecer o impacto dos investimentos que se realizan principalmente no eido empresarial. O avance neste período foi do 8,1%, o maior rexistrado nos últimos doce anos.

Pola parte da oferta todos os sectores da economía galega continúan en positivo, tanto a industria –cun incremento anual do 4,1% na industria manufactureira, a máis intensiva en emprego- coma a construción (6,0%) e os servizos (2,3%). Tamén se rexistra unha importante mellora do sector primario, que pasa de medrar un 0,3% a un 1,9%.

17.900 novos empregos a tempo completo
As contas trimestrais do IGE confirman tamén que a recuperación económica continúa trasladándose igualmente ao mercado laboral. No primeiro trimestre creáronse 17.864 postos de traballo equivalentes a tempo completo, cun crecemento do 1,8% respecto ao segundo trimestre de 2017, dous décimas máis que o rexistrado no trimestre anterior. O incremento foi maior no emprego asalariado, ata situarse no 3,2%.

Os datos de contabilidade trimestral indican que o emprego a tempo completo está a medrar  con forza na industria (3,9%), a construción (5,3%) e os servizos (1,8%).