Volver ao contido

Notas de prensa

« Atrás

Galicia consolídase entre as comunidades autónomas con menos déficit de España, ao pechar o primeiro trimestre no 0,03%

Galicia consolídase entre as comunidades autónomas con menos déficit de España, ao pechar o primeiro trimestre no 0,03%

  • O déficit de Galicia é catro veces inferior á media autonómica, do 0,12%
  • A Xunta mantén o seu compromiso de cumprir un ano máis o obxectivo fixado polo Consello de Política Fiscal e Financeira, do 0,6% para todo o 2017

Santiago de Compostela, 30 de maio de 2017.- Galicia consolídase entre as comunidades autónomas que mellor controlan o seu déficit orzamentario, xa que no peche do primeiro trimestre situouse no 0,03%. Isto supón que Galicia rexistrou nos tres primeiros meses do ano un déficit catro veces inferior á media autonómica, que foi neste período do 0,12%.
Segundo os datos difundidos hoxe polo Ministerio de Facenda e Función Pública, o déficit de Galicia ao peche do mes de marzo foi de 18 millóns de euros, o que supón o 0,03% do Produto Interior Bruto (PIB). Galicia é ademais a comunidade autónoma con menos déficit de España e a sexta comunidade –a cuarta de réxime común– con mellor resultado orzamentario no primeiro trimestre.
A Xunta de Galicia mantén o seu compromiso de cumprir un ano máis o obxectivo de déficit fixado polo Consello de Política Fiscal e Financeira, que neste 2017 é do 0,6% para todas as comunidades autónomas. O cumprimento deste obxectivo é unha das bases do modelo de crecemento san polo que aposta o Goberno galego, baseado nunha redución constante do déficit e da débeda para gastar menos en xuros da débeda e, deste xeito, reforzar o gasto social e ter máis recursos para os investimentos produtivos.
Compromiso
Igual que en anos anteriores, Galicia cumpriu en 2016 o obxectivo de déficit fixado polo Consello de Política Fiscal e Financeira, do 0,7% para todas as comunidades. Segundo os datos publicados polo Ministerio de Facenda e Función Pública en marzo, Galicia foi unha das once comunidades que si cumpriu o obxectivo de déficit público, algo que volverá a facer neste exercicio 2017.

O control da estabilidade orzamentaria ten permitido a Galicia ser a comunidade autónoma que menos incrementou o seu endebedamento dende o ano 2009, o que serviu para evitar a emisión de 3.600 millóns de euros de débeda. Isto supón un aforro para a Xunta duns 80 millóns de euros ao ano en xuros da débeda.