Volver ao contido

Notas de prensa

Galicia continúa entre as comunidades que mellor pagan aos seus provedores, cun tempo medio 9,3 días por debaixo da media

Galicia continúa entre as comunidades que mellor pagan aos seus provedores, cun tempo medio 9,3 días por debaixo da media

  • O período medio de pago da Administración galega sitúase en 24 días, fronte aos 33,3días do conxunto das CCAA
  • A Xunta conseguiu rebaixar este indicador un 20% no último ano

 

Santiago, 23 de xaneiro de 2017.- Galicia continúa un mes máis entre as comunidades autónomas que pagan con máis axilidade aos seus provedores, segundo ratifican os datos publicados hoxe polo Ministerio de Hacienda y Función Pública sobre o mes de novembro. O tempo medio de pago situouse en 23,98 días en Galicia, o que supón 9,3 días menos que a media autonómica, que foi de 33,31 días.

 

O Ministerio de Hacienda ratifica que Galicia presenta un tempo medio de pago só inferior en cinco comunidades autónomas de réxime común e nas dúas comunidades de réxime foral. O informe elaborado polo Ministerio mostra tamén que seis comunidades incumpriron en novembro o tempo máximo de pago de 30 días que establece a lexislación.

 

Galicia mantense un mes máis como unha das comunidades que mellor atende aos seus provedores, axilizando os pagos e evitando problemas de liquidez ás empresas que prestan servizo á Administración galega.

 

Ademais, en comparación co mesmo mes do ano 2015, o período medio de pago en Galicia é máis baixo, xa que en novembro do ano pasado o tempo medio de pago era de 29,97 días. Isto supón que a Xunta de Galicia conseguiu reducir o tempo medio de pago un 20% durante o último ano.

 

En canto á débeda comercial, a ratio de débeda/PIB de Galicia en novembro foi do 0,80%. Galicia conseguiu reducir este indicador un 21,7% no último ano, ao baixar ata os 466 millóns de euros, segundo indican os datos do Ministerio de Hacienda.