Volver ao contido

Notas de prensa

Galicia cumpriu en 2018 os tres obxectivos de estabilidade e pedirá ao Goberno que permita ás C.C.A.A. reinvestir o superávit

Galicia cumpriu en 2018 os tres obxectivos de estabilidade e pedirá ao Goberno que permita ás C.C.A.A. reinvestir o superávit

  • As primeiras estimacións indican que Galicia pechou o exercicio 2018 con superávit contable por primeira vez desde 2002
  • Galicia solicitará ao Goberno un mecanismo legal para reinvestir eses 125 millóns en investimentos sustentables, como habilitou en 2018 o anterior Goberno
  • A Administración galega non só cumpriu o límite de débeda, senón que rebaixou o seu endebedamento por segundo ano consecutivo, ata deixalo no 18,1%
  • Tamén se cumpriu a regra de gasto e, no tempo medio de pagamento a provedores, Galicia foi a comunidade líder en toda España

Galicia cumpriu no exercicio 2018 os tres obxectivos de estabilidade orzamentaria (déficit público, límite de débeda e regra de gasto) e mesmo pechou o ano con superávit contable, polo que solicitará ao Goberno central autorización para utilizar ese superávit para realizar investimentos sustentables, tal como habilitou en 2018 o anterior Goberno central.

O Consello da Xunta analizou hoxe un informe da Consellería de Facenda en que se inclúen as primeiras estimacións sobre o cumprimento dos obxectivos de estabilidade no ano 2018.

Neste informe, cuxas cifras deberán ser confirmadas polo Ministerio de Facenda nos vindeiros meses, acredítase que Galicia cumpriu todos os obxectivos fixados e, ademais, foi a Comunidade Autónoma líder en pagamento a provedores, polo que a Xunta evita a aprobación dun plan económico-financeiro.

En primeiro lugar, no informe consta que a Administración autonómica cumpriu en 2018 o obxectivo de déficit público, que era do 0,4%. De feito, Galicia pechou o exercicio con superávit contable por primeira vez desde o ano 2002, grazas ao bo comportamento dos ingresos pola recuperación económica, pola chegada duns ingresos extraordinarios e pola liquidación do período de fondos comunitarios 2007-2013.

O informe mostra que é a primeira vez nos últimos 16 anos que Galicia acada superávit contable –duns 125 millóns de euros–, posto que a última ocasión fora no ano 2002. Neste sentido, en 2018, o anterior Goberno central estableceu para as comunidades autónomas a posibilidade de destinar o superávit contable a investimentos financeiramente sustentables, logo da aprobación dun plan específico. Porén, esta posibilidade non foi habilitada polo actual Goberno para 2019, polo que Galicia solicitará autorización para poder reinvestir este
superávit contable.

Menos endebedamento
En canto ao límite de débeda, Galicia conseguiu en 2018 reducir o seu endebedamento por segundo ano consecutivo. A primeira estimación da Xunta é pechar o exercicio cunha ratio de débeda/PIB do 18,1%, por debaixo do límite do 18,4% autorizado polo Consello de Política Fiscal e Financeira, o que consolida a Galicia como a Comunidade Autónoma que menos incrementou o seu volume de débeda pública nos últimos dez anos.

Grazas á mellor evolución deste indicador respecto da media autonómica, Galicia ten evitado a emisión duns 4.000 millóns de euros de débeda pública. De feito, neste momento Galicia é a 4ª comunidade con menor endebedamento e neste 2019 regresará aos mercados financeiros para acadar mellores condicións e seguir reducindo o gasto en xuros.

Cumprimento da regra de gasto
O informe tamén ratifica que en 2018 Galicia axustouse ao límite da regra de gasto, un mecanismo que ten como obxectivo evitar consolidacións procíclicas de gasto na Administración, evitando un aumento excesivo dos gastos estruturais que, en épocas de dificultade, non poidan ser afrontados.

A Xunta cumpriu o pasado ano a regra de gasto –do 2,4%–, e polo tanto, Galicia evita a aprobación dun plan económico-financeiro, obrigatorio cando unha Administración incumpre este parámetro. Ademais, ao cumprir a regra de gasto Galicia mantén intacto o seu autogoberno, pode conceder avais ás empresas para seguir medrando e mesmo pode utilizar unha taxa de reposición de efectivos públicos maior da prevista.

Líderes en pagamento a provedores
Finalmente, o informe da Consellería de Facenda reflicte que Galicia foi en 2018 a comunidade autónoma líder no pagamento a provedores. En concreto, o tempo medio de pagamento de Galicia no ano 2018 foi de 13,3 días, o que supón 22 días antes que a media autonómica e 16,7 días por debaixo do límite de 30 días que establece a lexislación estatal.

Estes bos resultados foron posibles grazas á axilidade na tramitación das facturas e á correcta xestión da tesourería, que permite á Xunta de Galicia dispoñer de recursos en todo momento para afrontar os pagamentos. Hai que ter en conta que a Administración galega é a maior pagadora de toda a Comunidade Autónoma, e cada ano aboa unhas 550.000 facturas.