Volver ao contido

Notas de prensa

Galicia logrou baixar en 2017 o seu endebedamento por primeira vez nos últimos dez anos

Galicia logrou baixar en 2017 o seu endebedamento por primeira vez nos últimos dez anos

  • A ratio de débeda/PIB reduciuse dúas décimas, ata o 18,4%, polo que Galicia cumpre un ano máis o límite máximo de débeda, que era do 19,0%
  • Galicia pecha o ano como a quinta comunidade con menos débeda de España e xa ten un diferencial positivo de máis de seis puntos sobre a media autonómica
  • A xestión rigorosa da Xunta evitou que Galicia emitise 3.900 millóns de débeda
  • Todos estes factores fan que Standard&Poors eleve a ‘notable' o rating da débeda

 

Santiago de Compostela, 28 de marzo de 2018.- Galicia logrou en 2017 baixar o seu endebedamento público por primeira vez nos últimos dez anos, ao reducir a ratio de débeda/PIB ata o 18,4%, dúas décimas menos que no peche do exercicio anterior, segundo mostran os datos oficiais do Banco de España publicados esta mañá. Isto supón que Galicia volve cumprir un ano máis o límite máximo de débeda, que en 2017 era do 19,0%.

 

Estes datos ratifican que Galicia continúa entre as comunidades autónomas de referencia no control do seu endebedamento, froito da xestión rigorosa e do control da estabilidade orzamentaria que vén realizando a Xunta. De feito, Galicia acabou o ano como a quinta comunidade con menor ratio de débeda/PIB, a terceira de réxime común, segundo explicou o director xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos, David Cabañó.

 

Ao peche do exercicio, a ratio de débeda/PIB de Galicia baixou dúas décimas sobre o ano anterior ata situarse no 18,4%, o que supón un diferencial positivo de 6,4 puntos respecto á media autonómica (24,8%), cando en 2008 este indicador estaba igualado á media. Ademais, o endebedamento do conxunto das comunidades autónomas mantívose estable no último ano mentres que o de Galicia baixou, por iso o diferencial positivo aumenta.

 

En volume absoluto, a débeda das comunidades autónomas situouse ao peche do cuarto trimestre en 288.105 millóns, o 3,89% deste importe -11.210 millóns- na comunidade galega. A xestión rigorosa da Xunta ten evitado que Galicia emitise 3.900 millóns de euros, xa que foi a comunidade que menos aumentou o seu volume de débeda desde 2008.

 

O control da débeda pública é unha das bases do modelo de crecemento san que defende a Xunta, e é froito da progresiva redución do déficit que vén acadando o Goberno galego nos últimos anos. Este mellor comportamento respecto da media permitiu a Galicia acadar un importante aforro en xuros da débeda, que neste 2018 será duns 85 millóns de euros.

 

Standard&Poors mellora o rating de Galicia

A evolución positiva dos principais indicadores macroeconómicos de Galicia foi tida en conta pola axencia de cualificación Standard&Poors, que vén de elevar o rating da Comunidade Autónoma ata o ‘notable'.

 

Na súa nova calificación, Standard&Poors ten en conta que Galicia pechou 2017 cun crecemento económico por riba do 3%, ao tempo que foi capaz de reducir o seu déficit público e de consolidarse entre as comunidades autónomas con menos débeda de España.

 

RATIO DE DÉBEDA/PIB POR COMUNIDADES AUTÓNOMAS
*CCAA de réxime foral

 

 

Peche
2016

Peche
2017

País Vasco*

14,5

14,1

Madrid

14,4

14,9

Canarias

16,3

15,9

Navarra*

18,1

18,3

GALICIA

18,6

18,4

Asturias

18,9

18,7

A Rioxa

18,8

19,3

Castela e León

20,4

20,8

Andalucía

22,3

22,1

Aragón

21,8

22,1

Cantabria

23,0

23,2

Estremadura

22,7

23,8

TOTAL CCAA

24,8

24,8

Murcia

28,5

29,0

Baleares

29,9

29,4

Cataluña

35,1

34,8

Castela-A Mancha

36,5

36,0

Valencia

42,7

42,5