Volver ao contido

Notas de prensa

Galicia mantén a súa postura fronte á senda de déficit proposta polo Goberno central para 2019 porque implica máis débeda para os galegos

Galicia mantén a súa postura fronte á senda de déficit proposta polo Goberno central para 2019 porque implica máis débeda para os galegos

  • Considera prioritario solucionar o descenso de 200 millóns procedentes do sistema de financiamento para 2019, que o Goberno central xa se comprometeu a compensar
  • A proposta do Goberno central solo anticipa subas de impostos e non garante a sostibilidade do Estado de benestar

Santiago de Compostela, 22 de agosto de 2018.- Galicia mantén a súa postura contraria á senda de ampliación de déficit proposta polo Goberno central para 2019 porque incrementar o déficit supón incrementar a débeda que terían que asumir os galegos e Galicia está a traballar no sentido contrario, é dicir, na redución progresiva do seu endebedamento. Por esta razón, Galicia reiterou o seu voto en contra no Consello de Política Fiscal e Financeira celebrado hoxe por vía telemática.
 
A senda presentada de novo hoxe polo Goberno central aposta por aumentar o déficit e o recurso ao endebedamento nun escenario de forte recuperación económica e nun contexto no que todos os organismos públicos dedicados á prospectiva económica recomendan reducir o peso da débeda pública e acadar o equilibrio estrutural das finanzas públicas.

Galicia estima que esta posposta de ampliar os obxectivos de déficit é unha medida pro cíclica que pon en risco o proceso de consolidación fiscal, que non se traduce nunha maior capacidade de gasto real para atender as necesidades das Comunidades Autónomas e que solo anticipa futuras subas de impostos.

Así, a Xunta considera que a actual proposta non garante a sostibilidade do Estado de benestar nun momento no que as CC.AA. o que precisan son máis recursos para poder financiar as súas políticas de gasto, especialmente as destinadas a gasto social, sanidade e educación.
 
Perda de recursos

Pola contra, a Xunta subliña que o prioritario neste momento é solucionar o descenso de ingresos que recibirán as Comunidades Autónomas en 2019 por mor da falta de liquidación dunha mensualidade correspondente ao IVE do exercicio 2017, e que para Galicia tería unha afectación negativa duns 200 millóns de euros procedentes do sistema de financiamento autonómico.

Neste sentido, o Presidente da Xunta xa se reuniu coa Ministra de Facenda para abordar esta problemática que afecta a todas as CC.AA., e a ministra comprometeuse a buscar unha solución co obxectivo de que as Comunidades poidan aprobar os seus orzamentos para 2019 o antes posible.

Hai que ter en conta que un descenso nos recursos do sistema de financiamento autonómico tería unha grave afectación sobre o financiamento dos servizos públicos no vindeiro ano, toda vez que estes ingresos veñen representando nos últimos anos arredor do 80% do total do Orzamento da Comunidade Autónoma.