Volver ao contido

Notas de prensa

Galicia mantense entre as comunidades que pagan máis rápido aos seus provedores, 23 días antes que a media

Galicia mantense entre as comunidades que pagan máis rápido aos seus provedores, 23 días antes que a media

  • Galicia volveu cumprir en maio os obxectivos do plan Pago 10 da Xunta, axilizando os pagamentos das súas facturas

Santiago de Compostela, 24 de xullo de 2017.- Galicia mantense entre as comunidades que pagan máis rápido aos seus provedores, cun período medio de pagamento 23 días inferior á media autonómica, segundo mostran os datos referentes ao mes de maio que acaba de publicar o Ministerio de Facenda e Función Pública.

O período medio de pago de Galicia situouse en maio en 0,88 días, mentres que a media autonómica foi de 23,71 días, é dicir, 23 días máis tarde que en Galicia. Os datos oficiais ratifican un mes máis que Galicia está entre as comunidades que mellor atenden aos seus provedores, axilizando os pagos e evitando problemas de liquidez ás empresas que prestan servizo á Xunta de Galicia.

Galicia continúa a cumprir os obxectivos do plan Pago 10, impulsado pola Xunta este ano e que ten como obxectivo situar o período medio de pago no entorno dos dez días. Ademais, o informe do Ministerio reflicte tamén que o período medio de pago de Galicia é agora 17 días inferior ao mesmo mes do ano pasado, o que evidencia unha importante mellora neste eido.

En canto á débeda comercial, a ratio de débeda/PIB de Galicia en maio baixou ao 0,27%, a máis baixa de todas as comunidades autónomas de réxime común e a metade que a media autonómica (0,53%). Ao mesmo tempo, Galicia conseguiu reducir este indicador ata os 164,2 millóns de euros no último ano.