Volver ao contido

Notas de prensa

Galicia mantense entre as comunidades que pagan máis rápido as súas facturas e teñen menos débeda comercial

Galicia mantense entre as comunidades que pagan máis rápido as súas facturas e teñen menos débeda comercial

  • O período medio de pago en Galicia situouse en febreiro en 9,6 días, fronte aos 15,7 días de media autonómica
  • A débeda comercial de Galicia baixou ao 0,21% do PIB, a metade que no conxunto das comunidades


Santiago de Compostela, 23 de abril de 2018.- Galicia mantense entre as comunidades autónomas que pagan con máis axilidade aos seus provedores, cun período medio de pago seis días inferior á media autónomica, e tamén está consolidada entre as comunidades con menor débeda comercial de toda España, segundo os datos oficiais publicados hoxe polo Ministerio de Facenda e Función Pública.

No mes de febreiro, o período medio de pago de Galicia situouse en 9,6 días, un promedio mellor que a media das comunidades autónomas, que foi de 15,7 días. Deste xeito, Galicia cumpre un mes máis coa normativa estatal en vigor, que establece que o período medio de pago non pode superar os 30 días, ao igual que xa fixo durante todo o ano 2017.

En canto á débeda comercial, a ratio de débeda/PIB de Galicia en febreiro situouse no 0,21%, a segunda máis baixa de toda España e só superada polo País Vasco (0,20%). Neste momento, a débeda comercial de Galicia é a metade que a da media autonómica (0,42%), logo de que Galicia conseguira reducir este indicador un 44% no último ano, ata rebaixalo aos 132,6 millóns de euros.

Estes datos confirman que Galicia continúa neste 2018 entre as comunidades que mellor atende aos seus provedores, axilizando os pagos e evitando problemas de liquidez ás empresas que prestan servizo á Administración galega. De feito, excluíndo ás comunidades de réxime foral, Galicia foi a quinta comunidade que pagou máis rápido aos seus provedores.