Volver ao contido

Notas de prensa

Galicia mantense un mes máis como a comunidade autónoma que mellor paga aos seus provedores

Galicia mantense un mes máis como a comunidade autónoma que mellor paga aos seus provedores

  • O período medio de pago en Galicia mantense en 14,8 días ao peche do mes do outubro, fronte aos 35,7 días da media autonómica
  • A débeda comercial da Administración galega tamén é a máis baixa de España

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2018.- Galicia mantense un mes máis como a comunidade autónoma que mellor paga aos seus provedores, ao acadar no mes de outubro un período medio de pago de 14,8 días, fronte aos 35,7 días de media autonómica, segundo os datos oficiais do mes de referencia publicados hoxe polo Ministerio de Facenda.
 
Ao peche do mes de outubro, o período medio de pago de Galicia mantívose 15 días por debaixo do límite que establece a normativa estatal, que é de 30 días. En contraste, a media autonómica situouse en 35,7 días, o que mostra que Galicia aboa os seus pagamentos 21 días antes que o conxunto das comunidades.
 
Os datos oficiais do Ministerio de Facenda inclúen desde o mes de abril unha nova metodoloxía de cálculo do período medio de pago a provedores que se aplica a todas as autonomías. Pese a este cambio, Galicia mantense mes a mes como a comunidade que paga con máis axilidade as facturas aos provedores que traballan coa Xunta.
 
En canto á débeda comercial, a ratio de débeda/PIB de Galicia situouse no 0,12%, a máis baixa de toda España. Neste momento, a débeda comercial é practicamente a terceira parte que a da media autonómica (0,33%), logo de que Galicia conseguise reducir este indicador ata rebaixalo aos 75,5 millóns de euros.
 
Os datos do Ministerio de Facenda volven ratificar que Galicia está a ser durante todo o 2018 a comunidade que mellor atende aos seus provedores, axilizando os pagos e evitando problemas de liquidez ás empresas que prestan servizo á Administración galega.

 

Período Medio de Pago – Outubro 2018 (*CCAA réxime foral)

Galicia

14,8

 

Aragón

32,5

País Vasco*

19,1

Estremadura

34,9

Andalucía

20,6

TOTAL CCAA

35,7

Navarra*

25,7

A Rioxa

38,4

Asturias

26,0

Castela-A Mancha

41,8

Castela e León

26,2

Cataluña

41,9

Canarias

26,4

Baleares

42,1

Madrid

27,6

C.Valenciana

58,0

Murcia

31,1

Cantabria

68,8