Volver ao contido

Notas de prensa

« Atrás

Galicia pechou 2016 pagando aos seus provedores con máis axilidade que a media

Galicia pechou 2016 pagando aos seus provedores con máis axilidade que a media

  • O período medio de pago da Administración galega situouse en decembro en 26 días, fronte aos 29 días do conxunto das CCAA
  • A Xunta conseguiu rebaixar este indicador un 10,8% no último ano

Santiago, 10 de marzo de 2017.- Galicia pechou o 2016 pagando aos seus provedores con máis axilidade que a media, segundo ratifican os datos publicados hoxe polo Ministerio de Hacienda y Función Pública sobre o mes de decembro.

Así, Galicia rematou o ano cumprindo o período de pago a provedores e mellor que a media, posto que o tempo medio de pago situouse en 26,01 días, o que supón 3,5 días menos que a media autonómica, que foi de 29,46 días. Ademais, o informe elaborado polo Ministerio de Hacienda mostra tamén que catro comunidades incumpriron en decembro o tempo máximo de pago de 30 días que establece a lexislación.

Galicia mantense un mes máis como unha das comunidades que cumpre a normativa de pago a provedores, axilizando os pagamentos de facturas e evitando problemas de liquidez ás empresas que prestan servizo á Administración galega.

Ademais, en comparación co mesmo mes do ano 2015, o período medio de pago en Galicia é máis baixo, xa que en decembro de 2015 o tempo medio de pago era de 29,16 días. Isto supón que a Xunta de Galicia conseguiu reducir o tempo medio de pago un 10,8% durante o último ano.

En canto á débeda comercial, a ratio de débeda/PIB de Galicia en decembro foi do 0,68%. Galicia conseguiu reducir este indicador un 26,7% no último ano, ao baixar ata os 392 millóns de euros, segundo indican os datos do Ministerio de Hacienda.