Volver ao contido

Notas de prensa

Galicia reduce a 5,7 días o período medio de pago a provedores, o mellor dato de toda a serie histórica

Galicia reduce a 5,7 días o período medio de pago a provedores, o mellor dato de toda a serie histórica

  • O período medio de pago da Comunidade Autónoma volveu baixar en marzo
  • Galicia está a aboar as súas facturas 16 días antes que a media autonómica
  • Galicia é a quinta comunidade de réxime común que paga con máis axilidade
  • A débeda comercial tamén se reduciu á metade no último ano

Santiago de Compostela, 22 de maio de 2017.- Galicia rebaixou a 5,7 días o período medio de pago a provedores no peche do primeiro trimestre do ano, o que supón o mellor dato acadado pola Comunidade Autónoma en toda a serie histórica iniciada en 2014, segundo ratifica o informe publicado hoxe polo Ministerio de Facenda e Función Pública.

O período medio de pago de Galicia baixou en 10 días respecto a febreiro, e sitúase 16 días por debaixo da media autonómica (21,8 días). Deste xeito, Galicia mantense un mes máis entre as comunidades que mellor atenden aos seus provedores, axilizando os pagos e evitando problemas de liquidez ás empresas que prestan servizo á Administración galega.

O mes de marzo é o terceiro mes consecutivo no que Galicia mellora este indicador sobre o mes anterior. O informe do Ministerio reflicte tamén que o período medio de pago de Galicia é agora 14,2 días inferior ao mesmo mes de 2016. Pola contra, tres comunidades autónomas incumpriron en marzo o período máximo de 30 días que establece a lexislación.

En canto á débeda comercial, a ratio de débeda/PIB de Galicia en marzo baixou ata o 0,25%, a terceira máis baixa de España e menos da metade que a media autonómica (0,54%). Os datos mostran que Galicia conseguiu reducir este indicador un 36,7% respecto ao mes de febreiro, ao baixar ata os 151,2 millóns de euros, e a débeda da Comunidade Autónoma tamén se reduciu á metade en comparación co mesmo mes de 2016.