Volver ao contido

Notas de prensa

Galicia rexistrou no primeiro semestre un déficit do 0,59%, por debaixo da media autonómica

Galicia rexistrou no primeiro semestre un déficit do 0,59%, por debaixo da media autonómica

  • Neste dato repercuten negativamente medidas adoptadas polo Goberno central que teñen afectación directa sobre as finanzas autonómicas, tanto de gasto como de retención de ingresos
  • Galicia é a sexta comunidade de réxime común con menor déficit

Santiago de Compostela, 10 de setembro de 2019.- A Comunidade Autónoma de Galicia pechou o primeiro semestre de 2019 cun déficit do 0,59%, un dato por debaixo da media autonómica, que foi do 0,63%, segundo recollen os últimos datos publicados hoxe polo Ministerio de Facenda, correspondentes ao mes de xuño.

En concreto, Galicia rexistrou no peche do mes de xuño un déficit de 387 millóns de euros, mentres que o déficit rexistrado polo conxunto das administracións autonómicas situouse en 7.938 millóns. Todas as comunidades autónomas de réxime común rexistraron déficit ao peche do primerio semestre, e Galicia é a sexta comunidade –a sétima incluíndo as forais- con menor déficit contable.

Neste dato repercuten negativamente medidas adoptadas polo Goberno central que teñen afectación directa sobre as finanzas autonómicas, tanto no eido do gasto como na retención de ingresos. En particular, a Comunidade Autónoma de Galicia –e o resto de comunidades de réxime común- continúa a día de hoxe sen ingresar as entregas a conta actualizadas ao exercicio 2019 e a liquidación completa do IVE de 2017, ingresos incluídos no Orzamento da Comunidade Autónoma de Galicia para 2019, en vigor desde o 1 de xaneiro.

En todo caso, Galicia mantén o seu compromiso de cumprir os obxectivos de estabilidade orzamentaria neste exercicio 2019, toda vez que non contempla outra alternativa que percibir os ingresos procedentes do sistema de financiamento autonómico incluídos nos Orzamentos en vigor.

De feito, Galicia é unha das comunidades autónomas de referencia no cumprimento destes obxectivos de estabilidade orzamentaria e así o ratifican as cifras oficiais do Ministerio de Facenda, que mostran que Galicia volveu estar en 2018 entre as comunidades que conseguiron cumprir os obxectivos de déficit, débeda pública e regra de gasto, ao tempo que foi a comunidade que mellor pagou aos seus provedores.