Volver ao contido

Notas de prensa

Galicia solicita autorización á Administración do Estado para realizar unha emisión de 400 millóns de euros en bonos

Galicia solicita autorización á Administración do Estado para realizar unha emisión de 400 millóns de euros en bonos

  • Será a primeira emisión de débeda que fai a Comunidade Autónoma desde 2014
  • Galicia decide volver aos mercados pola mellora das súas condicións e para afrontar en mellores condicións a fin dos mecanismos estatais de financiamento
  • En todo caso, Galicia poderá combinar a saída dos mercados co financiamento no Fondo de Facilidade porque cumpre todos os requisitos que establece o Estado
  • Galicia pechará 2018 cunha redución do seu endebedamento

Santiago de Compostela, 20 de xaneiro de 2019.- Galicia vén de solicitar autorización á Administración do Estado para realizar unha emisión de 400 millóns de euros en bonos a longo prazo. Esta será a primeira emisión de débeda que leva a cabo a Comunidade Autónoma desde 2014 e supón o inicio do seu retorno gradual aos mercados de débeda.

Na última década, Galicia vén adoptando as decisións máis convenientes para os intereses da Comunidade Autónoma, exercendo o seu autogoberno sen limitacións. Por iso, ata 2015 Galicia financiouse con normalidade nos mercados financeiros, obtendo mellores condicións que a través do FLA, e desde 2015 vense financiando no Fondo de Facilidade Financeira, un mecanismo reservado para as CCAA cumpridoras cos obxectivos de estabilidade e con mellores condicións que as que viña ofrecendo o mercado neses mesmos anos

Agora, Galicia decide volver aos mercados por varias razóns: a mellora das condicións que ofrecen os mercados, cunha redución significativa dos diferenciais que a Xunta quere aproveitar para afondar na reestruturación da débeda; a modificación das condicións que ofrece o Fondo de Facilidade Financeira respecto das condicións de 2015; o actual contexto de mercado, con abundante liquidez; e a conveniencia de estar en mellores condicións para afrontar a supresión dos mecanismos de facilidade para o financiamento.

Para poder acceder ao mercado de xeito gradual, é dicir, combinando os mercados co Fondo de Facilidade Financeira, o Ministerio de Facenda estableceu o pasado verán unha serie de requisitos que as comunidades autónomas teñen que cumprir.

Galicia cumpre todos estes requisitos, que son estar adherido ao Fondo Facilidade Financeira, cumprir os obxectivos de estabilidade (déficit, débeda e regra de gasto), cumprir os límites do Período de Pago a Provedores –Galicia é a comunidade que mellor paga as súas facturas e nunca utilizou o mecanismo de pago a provedores– e ter polo menos unha cualificación crediticia de grao de investimento.

Comunidade de referencia no control do endebedamento
Galicia é a comunidade autónoma de referencia no control do seu endebedamento, que permanece totalmente estabilizado desde 2014 e que no peche de 2018 volverá baixar. A xestión rigorosa da Xunta ten evitado que Galicia emitise 3.800 millóns de euros, xa que é a comunidade autónoma que menos incrementou o seu volume de débeda desde o ano 2008.