Volver ao contido

Notas de prensa

Galicia volveu cumprir en 2017 o obxectivo de déficit e reduciu o seu endebedamento por primeira vez en dez anos

Galicia volveu cumprir en 2017 o obxectivo de déficit e reduciu o seu endebedamento por primeira vez en dez anos

  • Os primeiros datos confirman que Galicia xa entrou en consolidación fiscal técnica, ao pechar o exercicio cun déficit do 0,21%
  • A ratio de débeda baixou ao 18,5% e Galicia mantense como a comunidade autónoma que menos se endebedou desde 2009
  • A Administración galega segue pagando aos seus provedores con máis axilidade que a media autonómica

 

Santiago de Compostela, 18 de xaneiro de 2018.- Galicia volveu cumprir no ano 2017 o obxectivo de déficit público fixado para todas as comunidades autónomas, e ademais conseguiu reducir o seu endebedamento por primeira vez nos últimos dez anos. Ao mesmo tempo, Galicia mantivo cada mes uns tempos de pago mellores que a media española, tal como reflicte un informe elaborado pola Consellería de Facenda sobre o avance de peche do exercicio 2017.

 

Segundo mostran as primeiras estimacións do informe, Galicia conseguiu en 2017 cumprir os obxectivos de déficit e de débeda fixados no Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF), de modo que Galicia entrou en consolidación fiscal técnica nun proceso iniciado no ano 2009. Isto permite dispoñer dunhas contas saneadas e dunha solvencia financeira para consolidar unha senda de crecemento san e inclusivo.

 

En primeiro lugar, Galicia pechou o exercicio 2017 cunha estimación de déficit do 0,21%, só 129 millóns de euros, mantendo a senda de redución progresiva e non abrupta. Deste xeito, Galicia cumpriu o obxectivo do 0,6% fixado para todas as comunidades autónomas, e logrou reducir a menos da metade o seu déficit rexistrado no ano 2016, que foi do 0,58% segundo os datos do Ministerio de Facenda e Función Pública.

 

Galicia volveu compatibilizar en 2017 a redución do déficit público co crecemento económico e a creación de emprego. Así, a previsión da Xunta é que Galicia peche o exercicio sendo o terceiro ano consecutivo con taxas de crecemento do Produto Interior Bruto (PIB) iguais ou superiores ao 3%, mentres que os datos de emprego xa publicados mostran que en 2017 Galicia acadou máis de 21.000 novas afiliacións á Seguridade Social.

 

En canto á débeda, en 2017 Galicia conseguiu reducir o seu endebedamento por primeira vez nos últimos dez anos. A primeira estimación do Goberno autonómico é que Galicia pechou o exercicio cunha ratio de débeda/PIB do 18,5%, o que significa que reduciu –nunha décima- este indicador sobre o ano anterior (18,6%) por vez primeira desde 2007.

 

Ademais, a Xunta cumpriu o obxectivo individualizado que se fixou no CPFF para Galicia, e que era do 19,0%. Dende finais do ano 2014 Galicia ten a súa débeda totalmente estabilizada e o obxectivo agora é manter a senda de redución do endebedamento, xa que reducilo é positivo para a cidadanía, porque permite gastar menos en xuros financeiros e ter máis recursos para gasto social e investimentos.

 

É por iso que Galicia é a comunidade que menos incrementou a súa débeda dende 2009, tal como demostran os datos oficiais do Banco de España. O obxectivo do Goberno galego foi utilizar o recurso á débeda só de xeito estritamente necesario e sempre cumprindo os obxectivos aprobados no Consello de Política Fiscal. Froito disto, Galicia ten agora seis puntos menos de débeda que a media, cando en 2008 Galicia tiña máis débeda que o conxunto de comunidades autónomas.

 

Ademais, as primeiras estimacións da Xunta tamén indican que Galicia en 2017 conseguiu manter controlada a regra de gasto, un indicador que, en todo caso, está deseñado para evitar adoptar aumentos de gasto non sostibles e que poidan comprometer nun futuro a solvencia da Comunidade Autónoma.

 

Galicia paga mellor que a media

Galicia está a ser tamén unha comunidade de referencia nos tempos de pagamento aos provedores, sitúandose cada mes entre as administracións autonómicas que pagan con máis axilidade. Hai que ter en conta que a Xunta de Galicia é o principal prestador de servizos da Comunidade Autónoma, con máis de 600.000 facturas anuais por un importe superior aos 3.000 millóns de euros.

 

Segundo o informe elaborado pola Consellería de Facenda, ao longo de 2017 Galicia foi mellorando a axilidade nos pagamentos das obrigas, o que permitiu pasar dun período medio de pago de 22,6 días en decembro de 2016 a unha previsión de 7 días en decembro de 2017. Pagar con axilidade beneficia ás empresas que traballan coa Xunta, evitando problemas de liquidez, e beneficia ao conxunto dos cidadáns, porque moitos destes provedores son pemes e mesmo autónomos. Por iso, para 2018 o obxectivo é seguir traballando nesta liña e mantendo un diferencial positivo coa media autonómica