Volver ao contido

Notas de prensa

Inscritas 575 persoas para participar nas segundas oposicións reservadas á discapacidade intelectual que convoca a Xunta

Inscritas 575 persoas para participar nas segundas oposicións reservadas á discapacidade intelectual que convoca a Xunta

  • O número de inscricións supera á primeira oposición, o que confirma que se está a dar resposta a unha importante demanda deste colectivo
  • O director xeral da Función Pública, José María Barreiro, destacou o esforzo realizado na inserción laboral das persoas con discapacidade intelectual
  • A Xunta de Galicia invita ao resto de administracións públicas galegas e ás empresas privadas a impulsar a inserción laboral destas persoas

Santiago de Compostela, 6 de xullo de 2018.- Un total de 575 persoas inscribíronse no segundo proceso selectivo dirixido a persoas con discapacidade intelectual que convoca a Xunta de Galicia, e que optarán ás 24 prazas de emprego fixo na Administración galega, segundo informou hoxe o director xeral da Función Pública, José María Barreiro.

Na súa comparecencia no Parlamento para informar sobre os avances na integración do colectivo da discapacidade intelectual no emprego público, José María Barreiro sinalou que a cifra de solicitudes supera a da primeira convocatoria –na que houbo 564 inscricións-, o que confirma que a Xunta está a dar resposta a unha importante demanda deste colectivo. É por iso que o Goberno galego está a facer un importante esforzo neste eido, en colaboración coa Federación galega de asociacións a favor das persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento (Fademga) e Down Galicia.
 
O obxectivo último é impulsar a inserción laboral do colectivo de persoas con discapacidade intelectual. Barreiro recalcou que, ademais da demanda social, resulta necesario dar cumprimento ao mandato do lexislador no que se refire á política social en materia de discapacidade, garantindo o dereito á igualdade de oportunidades e trato. Por iso, invitou ao resto de administracións públicas galegas a impulsar procesos selectivos deste tipo.

En termos porcentuais, o director xeral sinalou que a cota de reserva da oferta de emprego para persoas con discapacidade na Xunta de Galicia acada unha porcentaxe do 8,68% do total, de xeito que un 2,24% das prazas son cubertas por persoas que acreditan discapacidade intelectual, mentres que o 6,44% restante resérvase para persoas que acrediten calquera outro tipo de discapacidade.

Bolsa de contratación temporal
Ademais, xa está en marcha unha bolsa de emprego na Xunta para a provisión temporal de postos de traballo por persoas que acrediten discapacidade intelectual e que foran admitidas nas anteriores oposicións convocadas para este colectivo. Para aplicar esta iniciativa publicouse o 27 de xuño no DOG a Resolución da Dirección Xeral da Función Pública pola que se acorda a apertura dunha lista para a incorporación de solicitudes para a contratación temporal de persoal laboral da Xunta do grupo V, categoría 003 (ordenanza e outras). O prazo de presentación de solicitudes nesta lista estará aberto ata o 15 de xullo, e a inscrición é gratuíta.