Volver ao contido

Notas de prensa

A cifra de fogares galegos con algunha dificultade para chegar a fin de mes baixa ao mínimo da serie histórica, segundo o IGE

A cifra de fogares galegos con algunha dificultade para chegar a fin de mes baixa ao mínimo da serie histórica, segundo o IGE

  • Pola contra, os fogares que chegan con facilidade ou moita facilidade aumentaron nove puntos no 2º trimestre, ata chegar ao máximo histórico do 65,5%
  • A última Enquisa conxuntural a fogares reflicte tamén un incremento da confianza dos consumidores, que acada o segundo valor máis elevado da serie histórica

Santiago de Compostela, 2 de xullo de 2019.- O número de fogares galegos que chegan con algunha dificultade a fin de mes baixou no segundo trimestre do ano ata o 34,5%, o que supón o mellor resultado de toda a serie histórica e un descenso de nove puntos respecto ao trimestre anterior (43,6%), segundo recolle a última Enquisa conxuntural a fogares do Instituto Galego de Estatística (IGE).

Pola contra, os fogares galegos que chegan con facilidade ou moita facilidade aumentaron no segundo trimestre ata acadar o 65,5%. Este é igualmente o mellor resultado de toda a serie histórica, que comeza no ano 2010. Ata agora, este indicador só superara a barreira do 60% nunha ocasión, no segundo trimestre do ano 2018.

Os datos do IGE mostran que os fogares que declaran chegar con dificultade a fin de mes baixaron máis de dez puntos respecto ao trimestre anterior –do 38% ao 27,9%-, un descenso que é de case oito puntos –do 35,6% ao 27,9%- en comparación co mesmo trimestre do ano anterior. En canto aos fogares con moitas dificultades, este indicador mantívose estable no último trimestre –pasou do 5,5% ao 6,6%- e mellorou máis de tres puntos no último ano, ao pasar do 9,8% ao 6,6%.

Esta mellora da situación económica que declaran os fogares galegos reflíctese no aumento de familias que declaran chegar con facilitade ou moita facilidade a fin de mes, cunha mellora de máis de nove puntos respecto ao primeiro trimestre (do 56,4% ao 65,5%), un incremento que é aínda maior en comparación co mesmo período de 2018, ao pasar do 54,6% ao 65,5%, é dicir, case 11 puntos máis. En todo caso, os datos do IGE van na mesma liña dos publicados a semana pasada polo Instituto Nacional de Estatística (INE), que sitúan a Galicia como unha das comunidades con menos fogares con dificultades económicas.

Mellora a confianza dos consumidores
A enquisa trimestral do IGE tamén mostra unha mellora da confianza dos consumidores galegos, xa que o Indicador de confianza do consumidor (ICC) mellorou máis de catro puntos en comparación co primeiro trimestre do ano, ao pasar do -12 ao -7,9. Esta cifra supón o segundo valor máis elevado de toda a serie histórica, só superado polo -7,6 acadado no terceiro trimestre do ano 2017.

Os datos do IGE reflicten unha mellora dos catro indicadores parciais que conforman o ICC: a situación financeira persoal, que por vez primeira acada valores positivos; a capacidade futura de aforro, a situación económica de Galicia e a evolución do desemprego.