Volver ao contido

Notas de prensa

A Lei de reforzo de actuacións prioritarias permitirá que Galicia utilice o 100% do superávit de 2018, 125 millóns, para reforzar o gasto en Sanidade, Educación e Servizos Sociais públicos

A Lei de reforzo de actuacións prioritarias permitirá que Galicia utilice o 100% do superávit de 2018, 125 millóns, para reforzar o gasto en Sanidade, Educación e Servizos Sociais públicos

  • A Xunta opta por  empregar unha ferramenta alternativa, legal e que se pode aprobar sen necesidade de autorización do Goberno central
  • O superávit servirá para reforzar con 200 profesionais a Atención Primaria e para mellorar os centros sanitarios, educativos e sociais, entre outras actuacións
  • O Goberno galego considera que Galicia non pode agardar máis e non pode verse prexudicada pola inestabilidade da política estatal
  • A urxencia desta lei xustíficase polo feito de que os investimentos en centros educativos se teñan que facer no período vacacional de verán, así como a necesidade de reforzar o antes posible a Atención Primaria

Santiago de Compostela, 25 de abril de 2019.- O Consello da Xunta deu luz verde ao anteproxecto de Lei de reforzo de actuacións prioritarias, que permitirá que Galicia poida utilizar o 100% do superávit contable de 2018, 125 millóns de euros, para reforzar o gasto social en Sanidade, Educación e Servizos Sociais públicos. Esta ferramenta alternativa, legal e que se pode aprobar sen necesidade de autorización do Goberno central servirá para que Galicia dispoña dunha capacidade de gasto adicional de 130 millóns de euros, xa que ao superávit de 2018 se lle unen outros cinco millóns por aforros de gasto financeiro.

Deste xeito, a través desta lei –que será remitida inmediaautorízase un suplemento de crédito que terá un triplo obxectivo: levar a cabo actuacións nos servizos públicos, prioritarias e previstas para os vindeiros anos, e que agora se poderán adiantar xa a 2019; reforzar a atención primaria no Servizo Galego de Saúde, para afrontar a nova planificación e os retos nos vindeiros anos; e todo isto empregando o superávit sen penalizar o cumprimento das regras fiscais para este ano e sen agardar a que España recupere a estabilidade.

A Xunta de Galicia considera que Galicia non pode agardar máis e non pode verse prexudicada pola inestabilidade da política estatal. Ademais, varias razóns de operatividade xustifican a urxencia de que estas actuacións se poidan facer canto antes, como é o feito de que os investimentos en centros educativos e en escolas infantís públicas se teñan que facer no período vacacional de verán ou a importancia de reforzar o antes posible a Atención Primaria, tanto no eido do persoal como de equipamento.

Tralo bo peche do exercicio orzamentario de 2018, a Xunta de Galicia opta por acometer unha serie de operacións de reordenación do endebedamento do sector público autonómico que: xera aforros nas cargas fiscais futuras, e posibilita unha serie de dispoñibilidades crediticias que permiten financiar novas actuacións prioritarias.  Este novo crédito financiarase reorientando o gasto dedicado a amortizar débeda da Comunidade, concretamente, das entidades SPI e Xestur-.

Así, Galicia utilizará o superávit de 2018 para reducir a débeda da Comunidade Autónoma, co que se liberan créditos orzamentarios para financiar novos investimentos en Sanidade, Educación e nos Servizos Sociais públicos. Dos 130 millóns de euros de nova capacidade de gasto, 96 estarán recollidos expresamente neste proxecto normativo e se investirán entre este ano e o que vén; e 34 millóns quedarán dispoñibles na Sociedade Pública de Investimentos.

Actuacións prioritarias xa neste 2019
En relación a distribución do superávit neste 2019, á Sanidade Pública destinaranse 22 millóns para: un aumento en máis de 200 prazas de persoal na Atención Primaria; mellora de equipamento de centros de saúde e hospitais, construción de novos centros de saúde; e mellora do transporte sanitario urxente. A previsión da Xunta é destinar á Sanidade pública máis de 40 millóns de euros entre o ano 2019 e 2020.

No eido da Educación Pública, este ano investiranse 22,7 millóns na mellora de instalacións, con actuacións en 22 colexios e institutos. E, en relación aos Servizos Sociais Públicos, destinaranse 6,2 millóns de euros a actuacións de mellora das instalacións das escolas infantís, centros de maiores e residencias. Así mesmo, destinarase unha achega de 3 millóns de euros para actuacións no medio rural.

Parte das actuacións encadraranse como investimentos financeiramente sostibles, polo que a súa execución non afectará ao cumprimento da regra de gasto neste 2019, tal como permite o real decreto que o Goberno aprobou a instancias de Galicia.

Con esta lei investiranse, polo tanto, 96 millóns de euros: 48 millóns este ano e outros 48 millóns en 2020. E, a maiores, quedará dispoñible unha capacidade adicional de investimentos doutros 34 millóns -17 millóns cada ano-, que non teñen que formar parte desta lei e cos que se financiarán outras actuacións ao longo do exercicio a través da Sociedade Pública de Investimentos.