Volver ao contido

Notas de prensa

A oferta de emprego público da Xunta para 2020 será como mínimo de 7.380 prazas, a maior dos últimos 12 anos

A oferta de emprego público da Xunta para 2020 será como mínimo de 7.380 prazas, a maior dos últimos 12 anos

  • A oferta global da Xunta medra un 43% respecto ao exercicio 2019, e o Goberno galego volve esgotar ao máximo o número de prazas que pode ofertar
  • Na Administración Xeral a oferta de emprego ascende a 2.741 prazas
  • Ademais inclúese a posibilidade para 3.263 laborais fixos de converterse en persoal funcionario a través dos novos procesos de funcionarización
  • Na sanidade ofertaranse un total de 985 prazas
  • No ensino público, a oferta de 3.654 prazas xa foi aprobada polo Consello da Xunta e está en execución

Santiago de Compostela, 12 de novembro de 2020.- A oferta de emprego público (OEP) da Xunta de Galicia para o ano 2020 será como mínimo de 7.380 prazas, a maior dos últimos 12 anos e cun incremento do 43% respecto á oferta do ano 2019, toda vez que a Xunta volve esgotar ao máximo o número de prazas que legalmente pode ofertar.

No eido da Administración Xeral, a oferta de emprego público ascende a 2.741 prazas, das que 2.346 serán de acceso libre e as outras 395 prazas resérvanse para procesos de promoción interna do persoal funcionario da Administración. Destas 2.741 prazas, 1.215 correspóndense co proceso de estabilización e consolidación do persoal do Consorcio de Igualdade e Benestar. Un ano máis, a Xunta priorizará a cobertura estable de prazas nos centros de servizos sociais e de atención ao cidadán.

A esta oferta sumaranse outras 3.263 prazas para os novos procesos de funcionarización voluntaria do persoal laboral fixo, que dan continuidade ás máis de 1.400 prazas xa ofertadas nos dous últimos anos. Trátase dun proceso moi demandado polos empregados públicos e ao que solicitou acollerse o 95% do persoal laboral fixo. Estes procesos foron pactados por primeira vez no Acordo de Concertación Social asinado entre a Xunta de Galicia e as organizacións sindicais Comisións Obreiras e UXT-Galicia.
Sanidade
Na sanidade pública, a Xunta de Galicia propón unha oferta de emprego público de 985 prazas. A oferta inclúe 652 prazas de persoal médico nas áreas de máxima prioridade: pediatras de atención primaria, médicos de familia, médicos de urxencias e médicos do 061, así como facultativos de atención hospitalaria das diferentes especialidades. Esta é a maior oferta de emprego de persoal facultativo desde o ano 2001. Ademais, tamén se ofertarán 275 prazas de enfermería, fisioterapia, terapeuta ocupacional e persoal técnico en farmacia; 46 prazas nas categorías de xestión e servizos; e 12 prazas de persoal sanitario da escala de saúde pública e administración sanitaria.

Tamén se potenciará a cobertura dos postos de traballo nos centros con máis dificultades de persoal. Para iso, a Consellería de Sanidade incluirá nos seus baremos puntuación específica por prestar servizos nos hospitais comarcais de difícil cobertura e nos centros sanitarios illados do sistema público de saúde de Galicia.

Ensino
Finalmente, a Oferta de Emprego Público da Xunta para 2020 complétase coas 3.654 prazas correspondentes ao ensino público, 2.036 son de acceso libre e 1.618 prazas de promoción interna. Esta oferta de emprego xa foi aprobada polo Consello da Xunta e está en execución.

Unha vez analizada esta proposta no Consello da Xunta, nas vindeiras semanas completarase o proceso de negociación nos diferentes órganos de representación de persoal. Posteriormente, o decreto con cada oferta será publicado no Diario Oficial de Galicia, o que permitirá avanzar nas convocatorias de cada proceso selectivo.

Taxas de reposición
A oferta de emprego público para o ano 2020 podería ser aínda maior se a Administración estatal atendese as peticións reiteradas da Xunta de eliminar as taxas de reposición de efectivos actualmente vixente.

Deste xeito, Galicia podería ofertar todas as prazas que requiren as necesidades asistenciais e non soamente as vacantes xeradas por xubilacións ou falecementos. Por exemplo, se o Estado eliminase as taxas de reposición, a oferta pública de emprego do Servizo Galego de Saúde para 2020 podería acadar a cifra de 3.500 prazas para a súa cobertura con profesionais estables no sistema sanitario público de Galicia, o que significaría a maior oferta de emprego sanitaria desde 2001.

A Xunta de Galicia solicitou en reiteradas ocasións a eliminación deste mecanismo de limitación das ofertas de emprego público. De feito, só este ano o Executivo galego pediu a súa desaparición na Comisión de Coordinación de Emprego Público, na Conferencia Sectorial de Emprego Público e no Consejo de Política Fiscal e Financeira (CPFF). Desde Galicia continuarase a solicitar a eliminación deste mecanismo que impide a plena estabilización dos cadros de persoal autonómicos.