Volver ao contido

Notas de prensa

A Xunta aproba axilizar os chamamentos para as substitucións temporais na Administración Xeral cambiando o correo postal pola notificación electrónica e o SMS

A Xunta aproba axilizar os chamamentos para as substitucións temporais na Administración Xeral cambiando o correo postal pola notificación electrónica e o SMS

  • A notificación electrónica e o SMS ofrecen as mesmas garantías que o correo certificado, son sistemas máis áxiles  e aforran custos á cidadanía e á Xunta
  • Facenda deixará de enviar cada ano máis de 12.000 citacións postais
  • Adicionalmente, a Administración tamén usará e o correo electrónico e nos nomeamentos urxentes seguirase usando o chamamento telefónico
  • A Xunta tamén amplía o ámbito de aplicación das listas, o que beneficiará ás persoas inscritas nelas, porque terán máis posibilidades de ser chamadas

Santiago de Compostela, 23 de maio de 2019.- O Consello da Xunta aprobou hoxe a modificación do Decreto 37/2006, que regula o nomeamento de persoal interino e a contratación temporal de persoal laboral, co obxectivo de axilizar os chamamentos que realiza a Xunta para a cobertura de postos vacantes e susbtitucións no eido da Administración Xeral. A principal novidade deste cambio é a substitución do correo postal con xustificante de recepción pola mensaxe directa ao teléfono móbil (SMS) e pola notificación electrónica.

O cambio do correo postal polo SMS e a notificación electrónica (notifica.gal) é unha aposta pola introdución dos novos medios electrónicos no sistema de xestión de listas. De feito, ambos sistemas ofrecen as mesmas garantías que o correo postal, posto que a Administración seguirá recibindo a confirmación de que a persoa destinataria recibe o chamamento, pero ofrece importantes vantaxes respecto ao correo postal.

Hai que ter en conta que tanto a notificación electrónica e coma o SMS son sistemas máis áxiles, permitirán simplificar trámites, reducirán os tempos de cobertura e, en definitiva, suporán un aforro de custos para a cidadanía –que xa non terá que facer desprazamentos para presentarse nos actos de selección– e tamén para a Xunta de Galicia.

Con esta modificación, a Consellería de Facenda deixará de enviar cada ano máis de 12.000 citacións postais e para levalo a cabo a Xunta de Galicia outorgará un prazo de 3 meses desde a entrada en vigor da modificación para que aquelas persoas inscritas nas listas que non achegaron un número de teléfono móbil para a súa localización completen este trámite.

O decreto establece que adicionalmente a Administración galega tamén poderá empregar o correo electrónico para realizar chamamentos. En todo caso, a Xunta seguirá realizando os chamamentos de carácter urxente a través de chamada telefónica.

Ademais, o decreto reduce a cinco días naturais o prazo máximo para acceder á citación electrónica, de conformidade coa lexislación estatal. Esta redución permitirá axilizar o procedemento de incorporación ao posto de traballo, tendo en conta que moitos dos postos que se ofertan están relacionados co ámbito asistencial e dos servizos sociais, así como a defensa contra os incendios forestais.

Máis posibilidades
Outra das novidades do decreto é a ampliación do ámbito de aplicación das listas ás entidades instrumentais do sector público autonómico. Este cambio beneficiará as persoas xa inscritas nas listas e tamén ás que decidan inscribirse, porque terán máis opcións de ser chamadas ao ampliarse o número de postos susceptibles de ser cubertos.

Igualmente, a través desta modificación a Xunta regula por vez primeira a xestión das listas destinadas a persoas que acrediten discapacidade intelectual, o que responde ao obxectivo de integrar este colectivo no ámbito do emprego público para garantir o dereito á igualdade de trato e oportunidades.