Volver ao contido

Notas de prensa

A Xunta aproba a prórroga do Orzamento para garantir o normal funcionamento dos servizos públicos e os pagamentos aos provedores

A Xunta aproba a prórroga do Orzamento para garantir o normal funcionamento dos servizos públicos e os pagamentos aos provedores

  • Tamén permitirá aboar de xeito ordinario os salarios dos empregados públicos, as prestacións por dependencia ou a RISGA
  • Quedan excluídos os gastos de actuacións que rematan no actual exercicio
  • O orzamento prorrogado adaptarase para recoller todas as modificacións consolidables aprobadas este ano, coma os cambios na estrutura da Xunta
  • A prórroga tamén autoriza a tramitar anticipos de gasto, o que permitirá axilizar proxectos antes da aprobación do novo Orzamento

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2020.- O Consello da Xunta aprobou hoxe o decreto de prórroga dos actuais orzamentos, que se aplicará ata que entren en vigor as contas públicas para 2021 xa aprobadas polo Goberno galego e que están a ser tramitadas no Parlamento. Esta prórroga xa está prevista na lexislación autonómica e permitirá garantir o normal funcionamento da Administración autonómica e dos servizos públicos que presta, nomeadamente no eido sanitario, educativo e dos servizos sociais.

A prórroga regula o aboamento ordinario das retribucións dos empregados públicos da Xunta, as prestacións por dependencia ou a Renda de Integración Social (RISGA), así como os pagamentos aos provedores da Administración galega.

O decreto establece que quedan excluídos da prórroga aqueles gastos correspondentes a actuacións que deben quedar ultimadas ao finalizar o exercicio 2020, así como aquelas actuacións financiadas con fondos finalistas non prorrogables. En canto aos ingresos, a prórroga non afectará a aquelas normas de vixencia indefinida que poida recoller a Lei de Orzamentos, e que seguirán estando vixentes.

Ademais, o orzamento prorrogado adaptarase para recoller todas as modificacións aprobadas ao longo deste ano, e que non figuraban no orzamento inicial, como por exemplo os cambios na estrutura da Xunta.

Así, no referente ao gasto corrente, durante a vixencia da prórroga, a Administración galega tramitará os expedientes de gasto polos gastos ordinarios de funcionamento precisos para a prestación dos servizos públicos, e tamén polos compromisos plurianuais contraídos en exercicios anteriores.

Investimentos e anticipos de gasto
En canto aos investimentos, a Xunta tamén tramitará, entre outros, os expedientes de gastos polos compromisos plurianuais contraídos en exercicios anteriores, o que por exemplo evitará dilacións na execución de infraestruturas. O decreto de prórroga establece tamén que a Xunta de Galicia non procederá á tramitación de ningún expediente novo, agás nos supostos de expedientes de gasto de urxente e inaprazable necesidade.
O decreto de prórroga tamén autoriza á Xunta a atender os expedientes de gasto de tramitación anticipada. Estes anticipos de gasto permitirán axilizar proxectos antes da aprobación do novo orzamento, evitando así dilacións.

Entrada en vigor
A prórroga dos actuais orzamentos entrará en vigor o vindeiro 1 de xaneiro e aplicarase ata que a Cámara autonómica dea luz verde ao proxecto de lei de Orzamentos para 2021, aprobado pola Goberno galego o pasado 20 de novembro.

Os Orzamentos da Xunta prorróganse a consecuencia do retraso na achega por parte do Goberno central da información mínima necesaria para poder elaborar o teito de gasto e que á súa vez provocou un retraso de máis de dous meses sobre o ciclo orzamentario habitual.

A Xunta xa habilitou este mecanismo nos dous primeiros meses de 2013 pola convocatoria de eleccións en outubro de 2012 e a finais do ano 2016 tamén pola convocatoria electoral dese mesmo ano.