Volver ao contido

Notas de prensa

A Xunta aproba un teito de gasto non financeiro extraordinario para 2021 de 11.664 millóns de euros

A Xunta aproba un teito de gasto non financeiro extraordinario para 2021 de 11.664 millóns de euros

  • A capacidade máxima de gasto aumenta en 1.515 millóns, un 14,9% respecto ao presente exercicio
  • Este teito de gasto é excepcional e permitirá afrontar con garantías a pandemia e impulsar e reactivar a economía
  • Ademais, o Executivo galego actualiza con prudencia e realismo o cadro macroeconómico para 2020 e 2021

Santiago de Compostela, 29 de outubro de 2020.- O Consello da Xunta aprobou hoxe o límite de gasto non financeiro da Comunidade Autónoma para o exercicio 2021, que ascende a 11.664 millóns de euros, un teito excepcional para aproveitar ao máximo todos os recursos extraordinarios de que dispón a Comunidade galega ante unha situación extraordinaria coma a actual.

O teito de gasto aprobado hoxe medra un 14,9% con respecto ao orzamento do presente exercicio, o que supón que a capacidade máxima de gasto aumenta en 1.515 millóns de euros en relación co 2020.

Un ano máis, a Xunta de Galicia cumpriu co establecido na Lei de disciplina orzamentaria de 2011 e aprobou o teito de gasto non financeiro, que agora será remitido ao Parlamento para o seu debate e posterior aprobación. Este límite establece o máximo gasto que se pode acadar no proxecto de Lei de orzamentos xerais de Galicia.

O teito de gasto aprobado esta mañá polo Consello da Xunta é excepcional, prudente e rigoroso, e permitirá afrontar con garantías a pandemia sanitaria derivada do covid, impulsar e reactivar a economía, e atender todos os colectivos e empresas que están sufrindo a crise económica.

Está conformado por 11.012 millóns de euros de recursos non financeiros (recursos do sistema de financiamento, fondos finalistas e outros recursos non financeiros). Dentro deles inclúense 684,9 millóns da parte que lle corresponde a Galicia da transferencia extraordinaria do Estado ás comunidades autónomas, e unha previsión de 430 millóns dos recursos REACT-EU (axuda á recuperación para a cohesión e os territorios de Europa). A isto hai que engadir 684,9 millóns de euros correspondentes ao 1,1% de necesidade de financiamento, unha vez detraídos 33 millóns de axustes de contabilidade nacional.

Cadro macroeconómico
A evolución da pandemia da covid interrompeu cinco anos consecutivos de crecemento económico e de creación de emprego en Galicia e cambiou o escenario previo. Neste marco, a Xunta actualiza con realismo e prudencia o cadro macroeconómico e prevé que o impacto do coronavirus na economía galega provoque unha caída do PIB do -9,7% para este ano e unha recuperación en 2021 cun crecemento do 8%. En canto á taxa de desemprego, as estimacións prevén que o paro se sitúe no 12,3% en 2020 e no 12,9% no ano 2021.