Volver ao contido

Notas de prensa

A Xunta aposta pola simplificación administrativa para facilitar a implantación das iniciativas empresariais

A Xunta aposta pola simplificación administrativa para facilitar a implantación das iniciativas empresariais

  • O Consello da Xunta abordou hoxe unha proposta normativa que avoga por unha nova cultura administrativa, dirixida a racionalizar os trámites administrativos para facilitar a reactivación económica
  • O texto legal recollerá mecanismos de apoio financeiro e fiscal para as empresas
  • Incluirá tamén a tramitación simultánea e o prazo inferior a tres meses para a emisión de informes
  • Aposta pola creación de catálogos que recollerán todos os trámites administrativos esixibles para a implantación dos proxectos empresariais

Santiago de Compostela, 26 de novembro de 2020.- A Xunta de Galicia aposta pola simplificación administrativa para facilitar a implantación das iniciativas empresarias no marco dunha nova cultura administrativa, dirixida a axilizar e racionalizar os procedementos administrativos para impulsar a reactivación económica.

O Consello da Xunta abordou hoxe una proposta de normativa que coordinará a actuación dos distintos órganos da Administración autonómica, recollerá mecanismos de apoio financeiro e fiscal para fomentar a implantación das empresas e establecerá, entre outras medidas, a tramitación simultánea e un prazo máximo de tres meses para emitir un informe co fin de facilitar os trámites administrativos co conseguinte aforro de tempo e recursos.

Nun contexto coma o actual cobra vital importancia evitar as duplicidades e solapamentos nos procedementos administrativos, co obxectivo de diminuír os tempos na emisión de informes e axilizar os trámites necesarios para o desenvolvemento das distintas iniciativas empresariais.

Financiamento para a reactivación económica
O texto normativo recollerá instrumentos específicos de financiamento para as diversas iniciativas empresariais promovidas por startups, emprendedores e outras pequenas empresas.

Estableceranse beneficios fiscais nas transmisións onerosas e actos xurídicos documentados que afecten á adquisición de inmobles vencellados a iniciativas empresariais en zonas pouco poboadas ou en áreas rurais; así como nos documentos notariais que formalicen a adquisición onerosa, agrupación, segregación, declaración de obra nova e división horizontal de inmobles en zonas pouco poboadas ou áreas rurais.

Simplificación da tramitación
A proposta  normativa introducirá mecanismos de simplificación para a obtención das licenzas de edificación ou rehabilitación e procurará a colaboración dos concellos nas  melloras de simplificación para a obtención dos títulos municipais habilitantes. Estas medidas suporán unha redución dun terzo sobre os prazos actuais.

Establecerá un prazo xeral de tres meses para a emisión dos informes, e ademais, evitaranse as duplicidades de trámites coa posibilidade de tramitación conxunta.

Tamén recollerá o principio xeral de xestión simultánea de todos os trámites que poidan realizarse deste xeito, de forma que cando sexa preciso solicitar varios informes, o órgano competente solicite a emisión de todos eles simultáneamente.

Ademais, establecerá a posibilidade de que os informes sectoriais non teñan carácter sucesivo, para que todos os órganos que deban emitir informes estuden o proxecto no mesmo período temporal. Poderanse conservar os trámites administrativos autonómicos xerados nos sucesivos procedementos relativos a unha mesma iniciativa.

Medidas de apoio administrativo: os catálogos
Entre as medidas de apoio administrativo á implantación das iniciativas empresariais, a normativa recolle a creación do sistema de atención ao investimento, como sistema de información para apoiar aos emprendedores na posta en marcha das iniciativas empresarias e facilitar a súa implantación.

A través deste sistema poderase acceder a unha serie de catálogos por sectores de actividade, que recollerán todos os trámites administrativos esixibles para a implantación das iniciativas empresariais, así como unha serie de formularios e modelos de solicitude e documentación asociados aos procedementos. Estas figuras, supoñen unha gran simplificación de cara ás empresas e, en particular aos emprendedores, que poderán consultar os trámites que lle serán esixidos pola administración autonómica, o que supón facilitar a comprensión, a planificación e a tramitación da parte administrativa.

Neste marco, refórzase tamén a Oficina Doing Business Galicia como unidade especializada no acompañamento e tramitación dos proxectos industriais estratéxicos e daquelas iniciativas empresarias prioritarias; e unha rede de oficinas de apoio á empresa para o asesoramento individualizado aos empresarios.

Instrumentos de gobernanza dos fondos de recuperación
O texto legal incluirá ademais unha serie de normas que serán de aplicación na planificación, programación, xestión e control dos recursos económicos que proveñan dos fondos de recuperación ou daqueles mecanismos os substitúan e teñan como finalidade o financiamento de iniciativas empresariais en Galicia.

Para isto, refórzase a Comisión Interdepartamental Next Generation como órgano de planificación, dirección e coordinación das iniciativas empresariais que poden financiarse con estes fondos.

Para a aprobación destes plans e proxectos poderase contar coas achegas do Comité de Expertos Económicos de Galicia; dos representantes da patronal e dos sindicatos no seo do dialogo social; e dun grupo de traballo creado en colaboración co a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) como mecanismo de participación especifico das entidades locais de Galicia.