Volver ao contido

Notas de prensa

A Xunta convoca mañá no DOG as oposicións para cubrir 205 prazas de persoal subalterno, as primeiras probas desde o ano 2008

A Xunta convoca mañá no DOG as oposicións para cubrir 205 prazas de persoal subalterno, as primeiras probas desde o ano 2008

  • As persoas que acaden unha praza traballarán nas consellerías da Xunta, en centros educativos ou tamén en centros do ámbito dos servizos sociais
  • O prazo para anotarse neste proceso, que se realizará en Silleda, será de 20 días hábiles
  • A Consellería de Facenda agarda unha participación masiva nestas probas posto que non se esixe requisito de titulación para a práctica totalidade das prazas

Santiago de Compostela, 10 de marzo de 2019.- A Xunta de Galicia convocará mañá luns no Diario Oficial de Galicia (DOG) as oposicións para cubrir 205 prazas de persoal subalterno na Administración galega, as primeiras probas que se celebran desde o ano 2008. A estas prazas hai que engadir outras tres para a categoría de ordenanza do grupo V do persoal laboral. As persoas que acaden un posto neste proceso traballarán nas consellerías da Xunta, en centros educativos ou en centros do ámbito dos servizos sociais.

O DOG de mañá recollerá a convocatoria do proceso selectivo para a cobertura de 205 prazas na agrupación profesional de persoal subalterno, 69 postos máis que na anterior convocatoria, na que se incluíran 136 prazas. As oposicións son de acceso libre e, polo tanto, poderase presentar calquera persoa que cumpra os requisitos.

Do total das prazas convocadas reservaranse 14 para ser cubertas por persoas con discapacidade cun grao igual ou superior ao 33%, e no caso de que queden desertas tamén se acumularán ás de acceso xeral. En todos os casos, o proceso selectivo realizarase polo sistema de concurso-oposición, polo que se terán en conta os méritos de cada persoa.

No que se refire aos requisitos, as persoas participantes deberán ter cumpridos os 16 anos e non exceder da idade máxima de xubilación forzosa. No caso das prazas de persoal laboral, os aspirantes deberán acreditar ademais ter cursada a escolaridade obrigatoria no sistema educativo español.

20 días hábiles para anotarse
As persoas interesadas en participar no proceso selectivo terán que facelo constar no modelo de solicitude que se facilita gratuitamente na Internet, e aboar a taxa que estea vixente no momento de presentala. O prazo para formalizar as solicitudes será de 20 días hábiles, que se contarán a partir do seguinte ao da publicación da convocatoria no DOG.

A Consellería de Facenda agarda unha participación masiva nestas probas, polo importante volume de prazas ofertadas e polos anos que levaba sen realizarse unha convocatoria nesta categoría. De feito, a previsión da Xunta é realizar estes exames no Recinto Feiral de Silleda, xa que cumpre cos requisitos de centralidade, capacidade e seguridade.