Volver ao contido

Notas de prensa

A Xunta crea unha nova unidade administrativa específica para desenvolver o Acordo de Concertación asinado con CC.OO e UGT

A Xunta crea unha nova unidade administrativa específica para desenvolver o Acordo de Concertación asinado con CC.OO e UGT

  • O Consello da Xunta autoriza a creación dunha Subdirección Xeral, integrada na Consellería de Facenda, para implantar a carreira profesional e para poñer en marcha o primeiro proceso global de funcionarización do persoal laboral

A Xunta crea unha nova unidade administrativa específica para desenvolver o Acordo de concertación do emprego público asinado en xaneiro cos sindicatos CC.OO. e UGT, e que será a responsable de poñer en marcha e supervisar a implantación da carreira profesional na Administración Xeral e o desenvolvemento dos procesos de funcionarización de persoal laboral fixo. Para isto, o Consello da Xunta aprobou hoxe a modificación do decreto de estrutura orgánica da Consellería de Facenda para crear a Subdirección Xeral de Desenvolvemento e Avaliación Profesional, dentro da Dirección Xeral da Función Pública.

Por unha parte, esta Subdirección encargarase de implantar a carreira profesional no ámbito da Administración Xeral, un sistema voluntario e consolidable que recoñecerá a evolución laboral do empregado público e a súa formación continua. Os beneficiarios da carreira profesional recibirán, de maneira progresiva, unha contía anual que irá, por cada grao, desde os 761 euros na categoría de menor nivel ata os 2.460 euros da categoría A1.

A nova unidade administrativa é necesaria para encadrar na carreira profesional a máis de 20.000 empregados públicos da Administración galega. Ademais, será a responsable de elaborar as convocatorias, revisar os méritos dos empregados públicos que se integren na carreira profesional, promover a normativa regulamentaria, recoñecer o progreso de cada empregado público atendendo aos seus méritos e realizar as avaliacións profesionais correspondentes.

Esta nova Subdirección Xeral tamén será a responsable do primeiro proceso global de funcionarización que se realizará na historia da Xunta. Este proceso será totalmente voluntario e realizarase mediante a participación nunha promoción interna, promovendo así a equiparación dun mesmo réxime xurídico entre traballadores da Administración galega. Deste proceso de funcionarización do persoal laboral fixo poderá beneficiarse a práctica totalidade do mesmo, agás os postos non funcionarizables polas súas características.

Dado que se trata dun proceso de alta complexidade por non ter precedentes, a nova unidade administrativa terá entre os seus cometidos a realización das probas específicas para todo o persoal laboral, a identificación de todos os postos susceptibles da funcionarización, ou a adopción dos procedementos de medidas administrativas en relación cos contratos laborais do persoal que se convirta en funcionario da Xunta de Galicia.

Ademais, o novo decreto tamén adapta a estrutura orgánica da Consellería de Facenda á estrutura orgánica da Xunta, modificada pola decreto 88/2018; asigna a consideración de oficina orzamentaria ao Servizo de Xestión Económica e Control Orzamentario, tal como establece a Lei 3/2018, de Medidas Fiscais e Administrativas; e realiza un cambio de denominación e de funcións dalgúns postos na Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos.