Volver ao contido

Notas de prensa

A Xunta de Galicia eliminará o correo postal nos chamamentos para as contratacións temporais e substituirao polo SMS

A Xunta de Galicia eliminará o correo postal nos chamamentos para as contratacións temporais e substituirao polo SMS

  • O SMS ofrece as mesmas garantías que o correo certificado, é un sistema máis áxil e suporá un aforro de custos para a cidadanía e para a Xunta
  • Facenda deixará de enviar cada ano máis de 12.000 citacións postais
  • Adicionalmente, a Administración tamén usará o mail e a notificación electrónica, e nos nomeamentos urxentes seguirase utilizando o chamamento telefónico
  • A Xunta tamén ampliará o ámbito de aplicación das listas, o que beneficiará ás persoas inscritas nestas listas, porque terán máis posibilidades de ser chamadas

Santiago de Compostela, 17 de febreiro de 2019.- A Xunta de Galicia eliminará o correo postal con acuse de recibo nos chamamentos para a cobertura de substitucións no ámbito da Función Pública, e substituirao pola mensaxe directa ao teléfono móbil (SMS), tal como establece a modificación que está a tramitar a Consellería de Facenda do Decreto 37/2006, que regula as listas de contratación temporal na Administración galega.

O cambio do correo postal polo SMS é unha aposta pola introdución dos novos medios electrónicos no sistema de xestión de listas. De feito, o SMS ofrece as mesmas garantías que o correo postal, posto que a Administración seguirá recibindo a confirmación de que o destinatario recibe o chamamento, pero ofrece importantes vantaxes respecto ao correo: é un sistema máis áxil, permitirá simplificar trámites e reducir os tempos de cobertura e, en definitiva, suporá un aforro de custos para a cidadanía e para a Xunta de Galicia.

Con este cambio a Consellería de Facenda deixará de enviar cada ano máis de 12.000 citacións postais, e para levalo a cabo, a Xunta de Galicia outorgará un prazo de 3 meses desde a entrada en vigor da modificación para que aquelas persoas inscritas nas listas que non achegaron un número de teléfono móbil para a súa localización completen este trámite.

Ademais, o decreto establece que adicionalmente a Administración galega tamén empregará outros dous medios electrónicos para realizar os chamamentos: o correo electrónico e a notificación electrónica a través da plataforma Notifica. En todo caso, a Xunta seguirá realizando os chamamentos de carácter urxente a través de chamada telefónica.

Máis posibilidades
Outra das novidades do decreto é a ampliación do ámbito de aplicación das listas ás entidades instrumentais do sector público autonómico. Este cambio beneficiará ás persoas xa inscritas nas listas e tamén ás que decidan inscribirse, porque terán máis opcións de ser chamadas, ao ampliarse o número de postos susceptibles de ser cubertos.

Igualmente, a Xunta regula por vez primeira a xestión das listas destinadas a persoas que acrediten discapacidade intelectual, o que responde ao obxectivo de integrar a este colectivo no ámbito do emprego público para garantir o dereito á igualdade de trato e oportunidades.