Volver ao contido

Notas de prensa

A Xunta de Galicia logrou aforrar 578 millóns de euros en xuros desde 2015 grazas á xestión prudente e rigorosa da débeda pública

A Xunta de Galicia logrou aforrar 578 millóns de euros en xuros desde 2015 grazas á xestión prudente e rigorosa da débeda pública

  • O Consello da Xunta renova a adhesión ao Fondo de Facilidade Financeira
  • Galicia compatibilizará neste 2019 este mecanismo, reservado ás comunidades autónomas solventes, co retorno aos mercados financeiros
  • O Ministerio de Facenda só permite esta posibilidade ás autonomías que cumpren os obxectivos de estabilidade, e Galicia está entre elas
  • A volta aos mercados será gradual e a previsión é que neste 2019 a metade do financiamento procederá dos mercados
  • A Xunta aproveitarase da abundante liquidez e dos tipos historicamente baixos

A Xunta de Galicia logrou un aforro acumulado en xuros de 578 millóns de euros desde o ano 2015, grazas á xestión prudente e rigorosa da débeda pública que vén efectuando o Goberno galego. O obxectivo da Xunta neste 2019 é seguir afondando neste aforro e para iso o Consello da Xunta aprobou a adhesión de Galicia ao Fondo de Facilidade Financeira, que compatibilizará coa saída aos mercados financeiros.

En 2019, Galicia será unha das comunidades autónomas que se poderán beneficiar das boas condicións que ofrecen os mercados financeiros. Ao mesmo tempo, poderá seguir adherido ao Fondo de Facilidade Financeira, un mecanismo de financiamento reservado ás comunidades autónomas solventes e que cumpren os obxectivos de estabilidade.

O Ministerio de Facenda só permite esta posibilidade (estar adherido ao Fondo de Facilidade ao mesmo tempo que se obtén financiamento nos mercados) ás comunidades autónomas que cumpren unha serie de requisitos. Galicia poderá simultanear estas dúas fontes de financiamento porque cumpre todos eses requisitos: cumpre os obxectivos de estabilidade, o límite de débeda e regra de gasto; cumpre o límite de pagamento a provedores, sendo a comunidade líder en España; e conta coa cualificación crediticia de grao de investimento.

O retorno de Galicia aos mercados será gradual, e a previsión é que neste 2019 case a metade do financiamento procederá do Fondo de Facilidade, e o resto obterase a través dos mercados e fontes externas. Neste primeiro trimestre do ano a Xunta recibirá 566,8 millóns do Fondo de Facilidade e, en todo caso, a intención da Xunta nos seguintes anos é incrementar a presenza nos mercados e a saída do Fondo de Facilidade Financeira.

O obxectivo da Xunta é que Galicia sexa unha das comunidades que se aproveite da abundante liquidez, dos tipos historicamente baixos e da elevada demanda dos investidores, motivos polo que as comunidades máis solventes están volvendo aos mercados financeiros. Isto únese ao feito de que o Ministerio de Facenda modificou as condicións de financiamento do Fondo de Facilidade, o que fai aínda máis atractiva a saída aos mercados.

Precisamente, Galicia vén de recibir autorización da Administración do Estado para realizar unha emisión de bonos por un importe de 400 millóns de euros. Esta será a primeira emisión de débeda que realiza a Comunidade Autónoma desde o ano 2014.

Baixada do endebedamento
Galicia é a comunidade de referencia no control da débeda pública, tal como mostran cada trimestre os datos oficiais do Banco de España. De feito, é a que menos aumentou o seu volume de débeda desde 2009 e grazas a iso agora é a 4ª comunidade con menor endebedamento de toda España, cando en 2008 tiña máis débeda que a media.

De feito, as estimacións da Xunta indican que Galicia pechará o exercicio 2018 cunha redución do endebedamento, a segunda baixada anual consecutiva. A previsión é rematar o ano cunha ratio de débeda/PIB do 18,1%, de xeito que Galicia se consolidará entre as comunidades autónomas menos endebedadas de toda España.