Volver ao contido

Notas de prensa

A Xunta de Galicia propón aos sindicatos incluír na oferta de emprego público para 2019 máis de 1.500 prazas de acceso libre

A Xunta de Galicia propón aos sindicatos incluír na oferta de emprego público para 2019 máis de 1.500 prazas de acceso libre

  • Esta oferta de 1.543 prazas garantirá que se continúan abrindo importantes oportunidades de emprego na Administración galega
  • O maior número de prazas concéntrase nas categorías de auxiliar coidador (323), limpador-fregador (181), camareiro-limpador (151), no corpo auxiliar (127), na agrupación de subalternos (112) e na categoría de oficial 2ª cociña (97 prazas)
  • A maiores, outras 263 prazas resérvanse para a promoción interna do persoal funcionario, o que lles garante o seu dereito ao progreso profesional
  • As 847 prazas restantes serán para desenvolver o proceso voluntario de funcionarización do persoal laboral fixo

Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2019.- A Xunta de Galicia vén de propoñer hoxe ás organizacións sindicais a aprobación dunha oferta de emprego público (OEP) no eido da Administración Xeral cun total de 1.543 prazas de acceso libre, o que segue abrindo importantes oportunidades de emprego na Administración autonómica. A esta cifra súmanse outras 263 prazas para a promoción interna do persoal funcionario, e tamén se engaden outros 847 postos ao proceso de funcionarización pactado no Acordo de concertación do emprego público, asinado este ano cos sindicatos CC.OO. e UGT.

Tal e como recolle a proposta trasladada ás organizacións sindicais, o maior número de prazas de acceso libre concéntrase nas categorías de auxiliar coidador (323), limpador-fregador (181), camareiro-limpador (151), no corpo auxiliar (127), na agrupación de persoal subalterno (112) e na categoría de oficial 2ª cociña, con 97 prazas. A todas estas prazas poderá acceder calquera persoa que cumpra os requisitos esixidos nas correspondentes convocatorias, e as probas desenvolveranse a través do sistema de concurso-oposición.

Ademais, a proposta de decreto inclúe 263 prazas reservadas para a promoción interna do persoal funcionario. A estas prazas só poderán acceder aqueles empregados públicos que xa teñen unha praza fixa na Administración e que queren opositar para acadar un ascenso. As probas tamén se desenvolverán a través do sistema de concurso-oposición e, obviamente, son de carácter competitivo, se ben no propio Acordo de concertación do emprego público Xunta e sindicatos pactaron medidas que favorecen esta promoción.

Finalmente, amplíase a outros 847 postos o proceso voluntario de funcionarización do persoal laboral fixo, o primeiro de carácter global que desenvolve a Administración galega na súa historia. A diferenza da promoción interna, estas probas non teñen carácter competitivo, senón que permitirán modificar o réxime xurídico do traballador, que pasará de ser empregado laboral fixo a funcionario da Administración.
 
(INCLÚESE ANEXO COAS PRAZAS PROPOSTAS AOS SINDICATOS)

 

1. ACCESO LIBRE (1.543 PRAZAS)

 

Auxiliar coidador (IV)

323

Limpador – Fregador (V)

181

Camareiro – Limpador (V)

151

Corpo auxiliar (C2)

127

Persoal Subalterno

112

Oficial 2ª Cociña (IV)

97

Escala Axentes técnicos facultativos servizos sociais (B)

74

Corpo administrativo (C1)

60

Corpo superior (A1)

59

Escala de enxeñeiros técnicos (A2)

43

Oficial 1ª condutor (III)

38

Outras escalas (A1)

37

Outras categorías (IV)

37

Corpo de xestión (A2)

33

Outras escalas (A2)

32

Intérprete linguaxe de signos (III)

31

Outras categorías (III)

31

Escala Auxiliares de Clínica (C2)

30

Escalas técnica de finanzas e de inspectores de consumo (A2)

18

Escala de enxeñeiros (A1)

12

Escalas de letrados e superior de Finanzas (A1)

12

Escala de Axentes de Inspección – espec. Consumo (C1)

3

Bombeiro forestal-condutor e Emisorista (C2)

2

 

2. PROMOCIÓN INTERNA (263 PRAZAS)

 

Administración Xeral

225

Administración Especial

38

 

3. FUNCIONARIZACIÓN PERSOAL LABORAL FIXO (847 PRAZAS)

 

Administración Xeral

11

Administración Especial

836