Volver ao contido

Notas de prensa

A Xunta impulsa un proxecto piloto de automatización de procesos aplicado á xestión tributaria

La Xunta impulsa un proyecto piloto de automatización de procesos aplicado a la gestión tributaria

  • Consiste no emprego de ferramentas software para realizar de xeito automático aquelas tarefas que son máis repetitivas      
  • A iniciativa suporá unha mellora dos servizos públicos, cunha redución dos tempos de resposta que beneficiará aos cidadáns

Santiago de Compostela, 12 de maio de 2020.- A Xunta de Galicia, a través do Centro Informático para a Xestión Tributaria, Económico-Financeira e Contable (CIXTEC), vén de licitar un proxecto piloto de automatización de procesos na Administración. Trátase dun proxecto que se aplicará na xestión tributaria e que proporcionará vantaxes aos cidadáns e á propia Administración.

A automatización de procesos consiste no emprego de ferramentas software para realizar de xeito automático determinadas tarefas repetitivas e de gran volume. É dicir, permiten liberar carga de traballo e dotar aos servizos administrativos de ferramentas para traballar de xeito máis eficiente, ao tempo que incrementa a eficacia na prestación dos servizos públicos aos cidadáns. Ata o momento non se ten constancia de que se levase a cabo unha iniciativa deste tipo na Administración galega.

Esta iniciativa beneficia aos cidadáns porque se traducirá nunha redución de prazos, unha maior axilidade para determinados trámites e un funcionamento ininterrompido da Administración. E tamén beneficia aos servizos administrativos, porque se automatizan as tarefas máis repetitivas e pasan a ter máis dispoñibilidade para realizar tarefas de maior valor engadido.

A automatización de procesos aplicada á xestión tributaria
Un dos campos nos que se pode analizar a implantación da automatización de procesos é na xestión tributaria. O obxectivo do proxecto é desenvolver un software que, en función das necesidades da Administración, realice estas rutinas coa máxima precisión e en calquera momento e de xeito ininterrompido, o que reducirá os tempos de resposta.

O orzamento de licitación é de 258.374 euros, e hai que ter en conta que este software non traballará de xeito autónomo, senón que sempre estará supervisado por unha persoa, aportando máximas garantías de seguridade e de confidencialidade dos datos que manexa a Administración.