Volver ao contido

Notas de prensa

A Xunta pacta cos sindicatos estender ao persoal funcionario interino un réxime extraordinario de carreira profesional

A Xunta pacta cos sindicatos estender ao persoal funcionario interino un réxime extraordinario de carreira profesional

  • O novo acordo subscrito cos sindicatos Comisións Obreiras e UXT establece melloras no eido social, como facilitar a reincorporación dos empregados públicos que reciben tratamentos de quimioterapia, radioterapia ou de especial gravidade
  • Tamén inclúe ofertar neste mesmo ano no Servizo de prevención e extinción de incendios prazas que agora son de 9 meses e ocupadas por persoal temporal, e que se transformarán a unha duración de 12 meses anuais  

Santiago de Compostela, 28 de xullo de 2019.- A Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral da Función Pública, vén de asinar un acordo coas organizacións sindicais Comisións Obreiras e UXT para estender ao persoal funcionario interino un réxime extraordinario de acceso á carreira profesional. Deste xeito, o Goberno galego acurta os prazos de acceso a este sistema de recoñecemento profesional, que se está a aplicar na Administración xeral por primeira vez na historia da Autonomía.

Este acordo é o terceiro que subscribe a Xunta de Galicia con organizacións sindicais neste 2019, logo do Acordo de Concertación Social –asinado en xaneiro- e o Acordo para a posta en marcha do grao extraordinario da carreira profesional, que xa solicitaron case 10.900 empregados públicos. Agora, este novo pacto cos sindicatos supón ampliar o de Concertación Social introducindo novas melloras en diferentes eidos.

En primeiro lugar, o acordo supón estender ao persoal funcionario interino un réxime extraordinario de carreira profesional. Así, o persoal interino que a 31 de decembro de 2019 acredite ter unha antigüidade de 5 anos na categoría dende a que solicita o complemento equivalente de carreira poderá acceder a un réxime extraordinario de carreira profesional.

Esta posibilidade tamén se estende con este novo acordo ao persoal laboral temporal, previa transformación en persoal funcionario interino. A extensión da carreira profesional ao persoal funcionario interino foi unha reivindicación moi demandada polas organizacións sindicais.

Ao mesmo tempo, tamén se abrirá outro período extraordinario de acceso á carreira profesional para o persoal funcionario de carreira que non cumprise os requisitos a 31 de decembro de 2018, pero que si os cumpra ao longo deste exercicio.

Novas melloras de carácter social
Ademais, o acordo establece melloras no eido social, como facilitar a reincorporación dos empregados públicos que teñen que recibir tratamentos médicos de carácter oncolóxico –como quimioterapia ou radioterapia– ou tratamentos de especial gravidade.

O acordo introduce tamén un incremento das contías do Fondo de Acción Social para que o persoal funcionario poida acceder a esta axuda –de 180 euros mensuais para persoas con discapacidade dependentes dun empregado público– nos mesmos termos nos que xa accede actualmente o persoal laboral que forma parte da Administración autonómica.

Máis prazas no Servizo de extinción de incendios
O acordo asinado con Comisións Obreiras e UXT establece tamén que a Xunta de Galicia ofertará, a maiores da Oferta de Emprego Público xa aprobada, un total de 100 postos de traballo no Servizo de prevención e extinción de incendios neste 2019. Estes postos, que na actualidade están ocupados por persoal laboral temporal e teñen unha duración de 9 meses anuais, serán transformados en prazas de plena continuidade cunha prestación de servizo de 12 meses anuais, e a Xunta comprométese a incluír como mínimo igual cantidade na oferta de emprego público do ano 2020.

Ademais, no acordo establécese unha regulación para que os empregados públicos que teñen redución de xornada de traballo diaria poidan beneficiarse do horario de verán, do mesmo xeito que xa o fan os traballadores acollidos ao réxime de flexibilidade automática ou de flexibilidade por conciliación. Neste 2019, o horario de verán na Administración galega estará vixente ata o 15 de setembro.

Finalmente, o acordo inclúe o compromiso de que nos procesos de consolidación se oferten exclusivamente as prazas derivadas do mesmo, para que todas os empregados públicos que se atopen nesa situación teñan unha posibilidade efectiva ao acceso á condición de persoal laboral fixo. Isto supón maiores facilidades para que o persoal temporal poida consolidar as súas prazas que desempeñan na Xunta, xa que as convocatorias non restarán prazas para dedicalas a promoción interna.