Volver ao contido

Notas de prensa

A Xunta propón aos sindicatos incluír na Oferta de Emprego Público para 2021 máis de 1.000 prazas de acceso libre

A Xunta propón aos sindicatos incluír na Oferta de Emprego Público para 2021 máis de 1.000 prazas de acceso libre

  • O Goberno galego amplía así a proposta remitida a semana pasada aos sindicatos, e inclúe as prazas de estabilización e consolidación de persoal que se suman ás 635 da taxa de reposición
  • A oferta de emprego público de 2021 esgotará a taxa de reposición
  • O maior número de prazas concéntrase na escala de auxiliares de clínica (138) ou na especialidade en xardín de infancia (101 prazas)
  • No eido administrativo destacan 79 prazas para o corpo superior (A1) ou 81 para o corpo de xestión (A2)
  • Inclúense tamén 204 prazas de promoción interna e 160 prazas para continuar co proceso voluntario de funcionarización do persoal laboral fixo

Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2021.- A Xunta de Galicia vén de propoñer hoxe ás organizacións sindicais a aprobación dunha Oferta de Emprego Público (OEP) para 2021 no eido da Administración Xeral con máis de 1.000 prazas de acceso libre.

O Goberno galego amplía así a proposta remitida a semana pasada aos sindicatos, e súmalle ás 635 prazas que esgotan a taxa de reposición para cubrir xubilacións, falecementos ou renuncias, a oferta adicional de prazas para a estabilización e a consolidación de persoal. 

A Xunta esgota un ano máis a taxa de reposición imposta polo Goberno central a todas as Administracións. Galicia xa solicitou en sucesivas ocasións a eliminación  desta limitación que impide proceder á convocatorias máis amplas de prazas. De feito, o ano pasado, presentoulle ao Goberno central unha proposta formal de reforma do Estatuto Básico do Empregado Público (EBEP) para eliminala co obxectivo de garantir a estabilidade laboral no emprego e reducir a temporalidade entre as persoas traballadoras das distintas Administracións. Malia estas peticións compartidas co resto das comunidades autónomas, o Executivo central desoíu reiteradamente todas as peticións.

En total, a Oferta de Emprego Público da Administración Xeral para 2021 ascende a 1.370 prazas, das que 1.006 son de acceso libre; 204 prazas para a promoción interna e 160 postos para continuar co proceso de funcionarización voluntaria do persoal laboral fixo da Xunta pactado no Acordo de concertación para a mellora das condicións do emprego público, asinado en 2019 cos sindicatos CC.OO. e UGT.

O maior número de prazas de acceso libre concéntrase na escala de auxiliares de clínica con 138 prazas; na escala de axentes técnicos facultativos con 101 prazas na especialidade en xardín de infancia; ou na escala de técnicos facultativos con 19 na especialidade de enfermería. Tamén se inclúen 49 prazas para a escala de enxeñeiros técnicos; 45 prazas na escala de enxeñeiros; 35 para a escala de ciencias; ou 13 prazas para a escala de xerocultor. A todas estas prazas poderá acceder calquera persoa que cumpra os requisitos esixidos nas correspondentes convocatorias, e as probas desenvolveranse a través do sistema de concurso-oposición.

En canto ao eido administrativo, destacan 79 prazas para o corpo superior (A1), 81 para o corpo de xestión (A2), 51 para o corpo administrativo (C1), 61 para o corpo auxiliar (C2) e 47 prazas para a agrupación profesional de persoal subalterno (AP).

A proposta de decreto inclúe 204 prazas reservadas para a promoción interna do persoal funcionario. A elas só poderán acceder aqueles empregados públicos que xa teñen unha praza fixa na Administración e que queren opositar para acadar un ascenso ou promoción profesional. As probas tamén se desenvolverán a través do sistema de concurso-oposición.

Finalmente, recóllense outros 160 postos para continuar co proceso voluntario de funcionarización do persoal laboral fixo. Trátase dun proceso moi demandado polo persoal laboral fixo da Xunta e ao que se acolleu o 95% do persoal susceptible de funcionarizar. As primeiras probas de funcionarización celebráronse no mes de outubro do pasado ano.

A diferenza da promoción interna, estas probas non teñen carácter competitivo, senón que permitirán modificar o réxime xurídico do traballador, que pasará de ser empregado laboral fixo a funcionario da Administración.

  1. ACCESO LIBRE (1.006 PRAZAS)

 

ADMINISTRACIÓN XERAL

TOTAL

Corpo superior (subgrupo A1)

79

Escala de letrados (A1)

4

Escala de sistemas e tecnoloxía da información (A1)

16

Escala superior de finanzas (A1)

9

Escala superior de estatísticos (A1)

4

Corpo de xestión (subgrupo A2)

81

Escala técnica de finanzas (A2)

10

Corpo administrativo (Subgrupo C1)

51

Corpo auxiliar (subgrupo C2)

61

Escala de persoal de servizos xerais (PSX) (C2)

28

Agrupación profesional de persoal subalterno (grupo AP)

47

Escala de persoal de limpeza e recursos naturais e forestais (AP)

50

ADMINISTRACIÓN ESPECIAL

TOTAL

Corpo facultativo superior (subgrupo A1)

 

Escala de enxeñeiros (A1)

45

Escala de arquitectos (A1)

2

Escala de veterinarios (A1)

63

Escala de ciencias(especialidade de bioloxía, química, mar) (A1)

35

Escala de arqueólogos  (A1)

5

Escala de facultativos de arquivos, bibliotecas e museos (A1)

8

Escala de facultativos (A1) (medicina, psicoloxías)

11

Escala de enxeñeiros técnicos (A2)

49

Escala de subinspección urbanística (A2)

4

Escala de técnicos facultativos (A2)

28

    Especialidade en enfermería

19

Escala de axentes técnicos facultativos (Grupo B)

 

    Especialidade en xardín de infancia

101

Escala de axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia (C1)

12

Escala de auxiliares de clínica (C2)

138

Escala de xerocultor (C2)

13

Escala auxiliar de laboratorio (C2)

23

Escala auxiliar de recursos naturais e forestais (C2)

10

 

 

2. PROMOCIÓN INTERNA (204 PRAZAS)

 

Administración Xeral

204

 

 

3. FUNCIONARIZACIÓN PERSOAL LABORAL FIXO (160 PRAZAS)

 

Administración Xeral

49

Administración Especial

111